A Marea Atlántica decide desde este venres como se presenta ás eleccións locais

Xuntanza da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

A Marea Atlántica abre esta fin de semana un proceso que servirá para definir "o como" e establecer "o marco" desta iniciativa de confluencia de cara á presentación dunha candidatura cidadá para os comicios locais do vindeiro mes de maio. A Marea Viva, dividida en tres fases e que concluirá na primeira semana de febreiro, dotará o proxecto da metodoloxía para a elaboración participativa do seu programa electoral, do código ético que asumirán os seus cargos electos e da forma xurídica coa que concorrerá finalmente ás eleccións.

A Marea Viva está aberta á cidadanía previa inscrición na web da Marea Atlántica, na que xa se apuntaron unhas cen persoas. Serán as que poidan acudir xa este venres e ata o domingo no instituto de Elviña ao primeiro foro, a Marea Baixa, que servirá para "a información, o debate e a reflexión", tal e como destacou en rolda de prensa o voceiro rotatorio da Marea Atlántica, Mariano Fernández. Serán moitas horas de traballo "a tempo completo" no que na primeira xornada participarán protagonistas doutros procesos de confluencia municipalista e representantes de experiencias como Guanyem, Ganemos Madrid, Ames Novo ou Ourense en Común, entre outros. Ademais, haberá tamén tempo para a análise da "organización municipal básica", unha experiencia de "formación" que permitirá aos equipos redactores da iniciativa clarexar os elementos e o ámbito de traballo.

No primeiro foro da Marea Viva participarán representantes das forzas políticas que amosaron a súa disposición a confluír na candidatura cidadá

Tamén nesta próxima fin de semana participarán na Marea Baixa representantes de todas as forzas políticas "que se sentiron interpeladas" pola Marea Atlántica e que amosaron a súa disposición a confluír e diluírse na futura candidatura cidadá. Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista, Anova, Partido Humanista, Compromiso por Galicia ou Podemos.

"Somos moderadamente optimistas porque temos un desexo común", resumiu Mariano Fernández, que recoñece "contactos informais" con representantes de Podemos logo de respectar "os tempos" da nova formación, que acaba de conformar as súas estruturas locais. A confluencia e apoio do partido liderado por Pablo Iglesias á Marea parece perto. "A melodía é compartida", insiste o voceiro da iniciativa cidadá, que ve posible que todas estas organizacións políticas acaben diluíndose no proxecto. Saben, non obstante,  que "o desafío non é pequeno". "O que se lles pide ás formacións política non é pouca cousa", reitera Fernández, que recorda que a futura candidatura "non debe ser unha sopa de siglas".

"O desafío non é pequeno; o que se lles pide aos partidos non é pouca cousa", di a Marea, que é "moderadamente optimista" sobre a confluencia

Precisamente, a fórmula legal coa que a Marea Atlántica se presentará ás futuras eleccións locais será un dos temas claves que se decidirá nesta Marea Viva durante estas cinco semanas. "Non está falado e por iso haberá que discutilo". Hai múltiples opcións, desde a agrupacións de electores, ata a coalición de partidos, pasando pola conformación dun partido "de carácter instrumental". O problema, como lembran desde a iniciativa, é que "o corpo legal non é nada favorecedor para os procesos de confluencia cidadá". De feito, "a agrupación de electores é claramente discriminatoria", lembran. "Terémolo que solucionar", asegura Mariano Fernández.

Porque será na segunda fase da Marea Viva, na denomianda Entre Mareas, na que se presentarán as propostas para cada unha das áreas de debate. "Será un traballo público e monitorizado pola cidadanía, que podería facer as súa achegas". Farase, ademais de coa participación in situ, coas proposicións e apuntes que cheguen vía web.

A Marea Atlántica decidirá a fórmula legal coa que se presentará: coalición, agrupación de electores ou un partido "instrumental"

Finalmente, na Marea Alta, na fin de semana do 6 ao 8 de febreiro, votaranse as propostas definitivas para "pechar" os tres elementos claves que se definirán no proceso: a metodoloxía para ese programa electoral participativo, o código ético dos cargos electos e a forma xurídica da candidatura. Será a partir de aí cando a Marea xa estea en disposición de convocar as súa primarias e armar o programa electoral. A principios de marzo, segundo as previsións, é cando a iniciativa ten previsto ter xa candidatos.

Pero polo momento, segundo advertiu Fernández, "é un pouco prematuro" falar das persoas que formarían esa candidatura da Marea Atlántica. "Sería non respectar o proceso falar agora diso", insistiu quen aclara que "o máis importante é o programa máis que as persoas, que tamén o son".

Marea da mobilidade da Marea Atlántica © Marea Atlántica
Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.