Podemos deixa de medrar pero mantén un punto de vantaxe sobre o PP cara ás xerais

Pablo Iglesias, Mariano Rajoy e Pedro Sánchez © Marta Jara / PP / PSOE

Podemos frea o seu crecemento, pero segue en cabeza. O partido que lidera Pablo Iglesias aséntase na primeira posición cara ás eleccións xerais previstas para finais deste ano aínda que medra escasamente despois de, en apenas dous meses, gañar case 10 puntos en estimación de voto. De celebrarse agora as eleccións xerais a nova formación lograría un 26,30% dos votos emitidos, segundo a estimación da terceira edición d'O Mirante, o panorama electoral elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, que mantén a PP e PSOE en segunda e terceira posición, respectivamente.

Ademais do asentamento de Podemos en cabeza a análise reflicte unha lixeira recuperación dos de Mariano Rajoy a respecto do final do outono, cando a sucesión de escándalos de corrupción a saír á luz pública acelerou o seu desgaste. Así, os conservadores recuperan en torno a un punto en estimación de voto, se ben deixan polo camiño máis de 5 dende o final de verán e uns 20 a respecto do seu histórico resultado nas eleccións xerais de 2011.

O PP recupérase levemente pero segue 20 puntos por tras do seu resultado de 2011

Tamén o PSOE cae a respecto dos prognósticos das últimas xerais e tamén a respecto de anteriores edicións d'O Mirante. Os socialistas obterían, segundo estes cálculos, un 21,10% dos votos, un retroceso duns dous puntos dende a elección de Pedro Sánchez como secretario xeral que os afasta de Podemos e PP e, polo tanto, da situación de triplo empate que reflicten algunhas das sondaxes difundidas nos últimos tempos. Así e todo, este panorama vén consolidar un xogo político con tres grandes forzas no Estado separadas por unha marxe relativamente curta.

Alén desas tres grandes forzas o resto de formacións con posibilidades de entrar no vindeiro Congreso dos Deputados caracterizan as súas expectativas electorais pola volatilidade. Así, Izquierda Unida recupérase moi levemente despois das caídas dos últimos meses, aínda que o 5,4% que obtén desta volta deixa a coalición máis dun punto por baixo do seu resultado de 2011. Quen ve aínda máis complicado o horizonte é o partido de Rosa Díez, UPyD, que observa cun 4,70% como Ciudadanos, partido co que rexeitou formar unha coalición, xa está nun 4,70% e segue a gañarlle terreo paulatinamente fóra de Catalunya. En Catalunya, precisamente, Esquerra Republicana segue por riba de CiU, se ben o partido do presidente da Generalitat deixa de retroceder.

Na banda baixa das votacións, a das formacións que obterían menos do 2% do voto estimado, o BNG volve ao 0,6% de outubro tras descender ao 0,5% en novembro e decembro. No ámbito da dereita radical Vox segue a perder folgos e xa non chega ao 1% mentres, en Euskadi, EH Bildu acusa a irrupción de Podemos no seu electoral e baixa ata o 0,80%, quedando así por baixo do estable 1% do PNV.

A estimación de voto d'O Mirante é o resultado da análise continuada dos inquéritos de máis de 25 casas demoscópicas a través do método coñecido como house effects, isto é, da abordaxe dos seus datos mediante a "separación" do "ruído ou desvíos" aplicados polas súas respectivas cociñas. Por esta vía, explica o autor, "o cálculo dos desvíos involuntarios ou voluntarios en que incorren os produtores de enquisas permite que sexan neutralizados e descontados" e o resultado da observación conxunta destes valores "mellora aínda máis a estimación".

Pleno do Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.