Exame en Bruxelas. O centenario sector pesqueiro do xeito ten este mércores na capital comunitaria a primeira das cruciais votacións que definirán, en última instancia, se pode seguir existindo. A comisión de Pesca do Parlamento Europeo terá sobre a mesa o relatorio elaborado polo eurodeputado italiano Marco Affronte sobre o futuro regulamento que prohibirá o uso nas augas comunitarias das redes de deriva, unha arte de pesca agresiva para o medio ambiente na que, por mor da información serodia dende os gobernos galego e central, a Comisión Europea incluíu tamén ao xeito. Tras o encontro mantido co sector o pasado decembro a instancias do BNG o propio Affronte é partidario de que o veto non afecte a este sector tradicional de Galicia, se ben a súa aposta debe ser ratificada polos membros do organismo parlamentario. Mentres, a Xunta segue tentando paliar os efectos do seu xeito inicial de proceder.
Como xa lles avanzara aos propios xeiteiros, no seu texto Affronte indica que a posibilidade de que non haxa "ningunha posibilidade de excepción, como propón" o Executivo comunitario, "resulta desproporcionada" porque "podería ter repercusións negativas para algunhas comunidades costeiras locais" e "prohibir inxustificadamente a pesca artesanal sostible". Así as cousas, o parlamentario, pertencente ao Movemento Cinco Estrelas, propón "permitir aos Estados que non apliquen a prohibición total e permiten a continuidade de determinadas actividades actuais de pesca" durante "un tempo determinado" mentres "recollen datos" que permitan concluír se son prexudiciais para o medio ambiente ou, como o xeito, non o son.
Miranda defende, a través de Bildu, emendas para que "a prohibición non afecte a artes sostibles como o xeito"
Ademais dese texto con alusións máis ou menos xenéricas ás posible excepcións a Eurocámara votará tamén as seis emendas presentadas pola voceira do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, a través do eurodeputado de Bildu, Josu Juaristi, co obxectivo de tentar que o xeito fique explicitamente fóra do veto. Así, nesas achegas Miranda sinala que na "pesca da arte menor do xeito" non se "producen capturas incidentais", isto é, non se atrapan especies protexidas como tartarugas ou golfiños. Asemade, tentará que quede escrito que "a prohibición non afectará ás artes sostibles como o xeito, regulado por normativa en competencias exclusivas de ordenación pesqueira, como no caso da Galiza, que posúe competencias propias en materia de regulación das artes menores da pesca e do marisqueo".
A votación definitiva en pleno realizarase na contorna do mes de abril
A aprobación destas emendas e doutras, como na que o PP pide a retirada do texto por "carecer de base científica e poñer en perigo a actividade" con "redes de deriva de modo sostible", ou na que Podemos reclama que "queden exentas da prohibición" as "pesquerías a pequena escala que utilizan métodos tradicionais", facilitarían o camiño para a supervivencia do xeito, cuxo próximos exames se realizarán a finais de marzo na Comisión de Pesca da Eurocámara e, na contorna do mes de abril, no plenario do lexislativo europeo. A proposta debatida en pleno será a que sexa enviada á Comisión e ao Consello Europeo -os Estados membros-, de onde sairá o regulamento definitivo.
Feijóo, a Bruxelas o día 2
Así as cousas, a nacionalista Ana Miranda manifesta o seu optimismo a respecto do apoio ao xeito por parte do Parlamento Europeo e tamén dende a Comisión. Esas boas perspectivas chegan despois de que o propio comisario de Pesca, Karmenu Vella, confirmase a pasada semana que valora a posibilidade de excluír o xeito desa prohibición xeral e que o fai grazas á información que os xeiteiros ofreceron na súa visita á capital da Unión Europea. Para Miranda a estas alturas do proceso está máis que "confirmado" que "antes desa visita da delegación organizada polo BNG a Comisión carecía da información necesaria porque nin o Ministerio de Pesca nin a Xunta lla facilitaron".
A Comisión ratifica que valora non prohibir o xeito grazas á información fornecida dende o propio sector
Neste contexto será no que, por primeira vez dende o inicio do conflito, se produza a primeira intervención directa do presidente da Xunta. Segundo confirman fontes da Comisión Europea consultadas por Praza Pública o vindeiro día 2 de febreiro Alberto Núñez Feijóo reunirase en Bruxelas co comisario Vella. Mentres, dende Compostela, o Goberno galego defende que non participou no trámite de alegacións do proxecto de regulamento porque non tiña que facelo e, ao mesmo tempo, o voceiro do PPdeG en materia pesqueira, José Manuel Balseiro, pídelle á Xunta a través do parlamento unha copia desas alegacións que, confirma a UE, non existiron.