O xeito gaña a súa primeira batalla en Europa

A delegación galega, despregando a rede no pleno da Eurocámara © Delmi Álvarez

O xeito vén de gañar a súa primeira batalla logo de que a Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo decidise excluír esta arte tradicional galega da prohibición de redes de deriva.

A comisión de Medio Ambiente da Eurocámara debateu sobre o relatorio elaborado polo eurodeputado italiano Marco Affronte sobre o futuro regulamento que prohibirá o uso nas augas comunitarias das redes de deriva, unha arte de pesca agresiva na que, por mor da información serodia dende os gobernos galego e central, a Comisión Europea incluíu tamén ao xeito. Tras o encontro mantido co sector o pasado decembro a instancias do BNG o propio Affronte era partidario de que o veto non afecte a este sector tradicional de Galicia, se ben agora esta vitoria para o sector galego deberá ser ratificada polos membros do organismo parlamentario.

Foron aceptadas tres das emendas presentadas polo BNG para salvar o xeito da prohibición

Tal e como destacou a representante do Bloque en Europa, Ana Miranda, foron aceptadas tres das enmendas presentadas polo BNG nos compromisos feitos entre todos os grupos, nas que se solicitaba que "os buques que se dedican á pesca con redes de pequena escala que non sexan daniñas para as especies protexidas, como a arte menor do xeito, poderán continuar faenando nas augas europeas".

Foi precisamente Miranda quen liderou a delegación do xeito que o pasado decembro viaxou a Bruxelas para lle explicar de primeira man ás autoridades europeas a realidade do sector. Daquela, os mariñeiros reuníronse co propio Affronte, relator do informe que se votou este mércores, e que xa advertira da inconveniencia de que o sector tradicional galego fose incluído entre os prohibidos.

Para Miranda foi “decisivo” a visita que unha delegación do sector fixo a Bruxelas, coa posibilidade de explicar ao máximo nivel ás autoridades comunitarias a situación do xeito, “suplindo a falta de información e o desleixo tanto da Xunta como do Goberno central”. “Tanto os relatores dos informes na Eurocámara como os responsables de promover esta normativa na Comisión se decataron coa esa información que incluír o xeito era desproporcionado, e máis cando se trata dunha arte sustentábel”, dixo.

A batalla do xeito, malia todo, non acaba aquí. A tramitación continúa o proceso, e pasará en breve pola Comisión de Pesca onde se votará o 30 de marzo, onde se espera tamén unha votación que exclúa o xeito. Segundo anuncia o BNG, a esa votación asistirán o alcalde de Rianxo e o patrón maior de Rianxo, principal vila afectada, “porque queremos seguir moi de cerca todo o proceso ata o final”, subliñou Miranda.

Miranda, con traballadores do xeito CC-BY-NC-SA BNG
Un mariñeiro amósalle ao eurodeputado italiano Affronte un vídeo do traballo do xeito CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.