Os datos desmontan a explicación do PPdeG para a caída da poboación activa

Tellado, voceiro do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Galicia segue destruíndo emprego e o seu mercado laboral segue a minguar. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2014 revelan unha baixada do paro de algo máis de 17.000 persoas a respecto do remate de 2013, pero tamén deixan tras de si un ronsel de síntomas para a preocupación: hai 2.200 persoas menos con traballo e a poboación activa, isto é, a suma das persoas que traballan ou están procurando un emprego no país, descende en 19.200, unha caída dun 1,5% que fai retroceder este indicador a niveis do ano 2006, segundo as bases do IGE e mais do INE. Ante este panorama o PPdeG celebra o que considera "un cambio de tendencia e unha melloría no que ás expectativas con respecto ao emprego se refire" e ofrece unha explicación para a caída da poboación activa, as xubilacións e o efecto desánimo, que dificilmente se sustenta con números.

A través do seu voceiro e ex xefe de gabinete da Consellería de Traballo, Miguel Tellado, os conservadores achacan a "lixeira caída interanual da poboación activa" ao "envellecemento da nosa poboación, que fai que haxa moitas xubilacións, así como ao feito de que haxa persoas que xa non declaran estar buscando emprego activamente". Así, atendendo ás verbas do dirixente conservador, estes factores serían dabondo para explicar o devandito retroceso interanual de 19.200 persoas activas, unha caída especialmente agudizada nos últimos dous anos e que fontes expertas como os membros do Foro Económico de Galicia ligan moi especialmente coa emigración.

Segundo Tellado, a poboación activa cae por mor das xubilacións e porque hai "persoas que xa non declaran estar buscando traballo", teoría que a EPA non sustenta

Alén de opinións máis ou menos subxectivas, o certo é que a explicación de Tellado contrasta coa información da propia EPA. Así, a estatística oficial indica que a finais de 2014 en Galicia residían case 634.000 persoas inactivas cuxa causa de inactividade é estaren xubiladas ou retiradas ou, no seu defecto, seren pensionistas doutro tipo. Isto significa un incremento de 15.600 persoas a respecto de doce meses antes. Por outra banda, a estatística oficial estima que na actualidade existen unhas 30.500 persoas potencialmente activas, isto é, que poderían estar traballando ou buscando traballo, pero que non o fan a causa do desánimo. Este indicador minguou en 1.600 persoas a respecto de 2013. 

Así as cousas, a suma da variación de persoas xubiladas e desánimadas dá como resultado un incremento de 14.000 persoas. Deste xeito, non sería posible atribuír totalmente a estas dúas causas a baixada de poboación activa de máis de 19.000 persoas, como fai o voceiro dos populares.

  

Dentro da propia EPA tamén e posible coñecer cantas persoas explican que non buscan emprego por estaren xa xubiladas ou ben pola convicción de que non o van atopar. Neste caso, a finais de 2014 263.900 persoas explicáronlle ao IGE que non buscan traballo a causa da xubilación, 10.300 máis que un ano antes, e 33.600 argumentaron que non o fan por que coidan que non van atopar un emprego, 1.500 menos que en 2013. Neste caso, a suma de ambas respostas fica en 8.800 persoas, máis lonxe aínda das 19.200 nas que cae a poboación activa.

No caso dos pensionistas aínda hai, cando menos, unha fontes estatística máis que tamén refuta a afirmación do popular: as cifras das pensións administradas polo Ministerio de Emprego e a Seguridade Social. Estes indicadores reflicten que en decembro de 2014 se pagaron en Galicia 464.630 pensións de xubilación, 5.041 máis que en decembro de 2013, oscilación que tampouco avala a afirmación do partido que sustenta o Goberno galego. 

Tellado, voceiro do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.