Tres listas e tres candidatos para liderar Podemos en Galicia

Acto de Podemos en Galicia © Podemos A Coruña

Tres listas con cadanseu líder aspirarán a conformar a dirección galega de Podemos. Claro que Podemos, Galicia Pode e Podemos Cambiar Galicia son as denominacións das tres candidaturas que serán as definitivas no proceso de elección dos órganos autonómicos do partido que dirixe Pablo Iglesias. Breogán Riobóo, Susana Fernández e Ana Sánchez lideran respectivamente cada unha destas candidaturas, que podían presentarse ata mañá domingo, e que aspiran a completar o Consello Cidadán autonómico que estará formado por 34 persoas. Desde o luns 26 de xaneiro e ata o 8 de febreiro levarase a cabo a campaña electoral e do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións.

Claro que Podemos, Galicia Pode e Podemos Cambiar Galicia son as tres listas que aspiran a liderar o partido en Galicia

Neste mesmo sábado presentouse a candidatura Podemos Cambiar Galicia, que defendeu a súa "transparencia" e "claridade" na carreira por dirixir o partido en Galicia. A súa aspirante a secretaria xeral, a viguesa Ana Sánchez, asegurou que a lista pode presumir de "pluralidade" e de "representar a todos os galegos". A dun proxecto que non é o máis achegado á cúpula dos dirixentes da formación a nivel estatal. 

Ao tempo, os seus líderes aseguraron que contactarán con todos os círculos galegos para explicar o seu documento político, que di ter en conta "a idiosincrasia" do país e que se centrará en "sectores claves" da economía galega como a agricultura ou a pesca. Respecto da participación nas eleccións municipais, a candidatura insiste en que só hai "dúas opcións: apoiar plataformas xa existenes ou crear unha agrupación de electores". En todo caso, aclara que a decisión, "que está por tomar", será "decidida polos círculos".

A candidatura liderada por Breogán Riobóo, e apoiada por Pablo Iglesias, é a favorita para vencer nas votacións

Para mañá domingo será a quenda de Claro que Podemos Galicia, a lista que lidera Breogán Riobóo, un mozo de Narón asentado na Coruña que xa exerceu como voceiro da formación no país antes de que se puxese en marcha o proceso para elixir a súa dirección autonómica. Vinculado anteriormente ao BNG e a Anova, parece o favorito para se converter no novo secretario xeral da formación en Galicia, máis aínda de ter en conta que a súa lista é a apoiada por Pablo Iglesias e a cúpula do partido e que conta tamén co apoio dos galegos que asinaron o documento fundacional que deu logo paso á fundación de Podemos.

A súa candidatura, favorable ao apoio e á integración nas diferentes mareas cidadás, aposta por unha vinculación e interacción constante cos diferentes movementos sociais, coincide nos postulados das listas vencedoras na maioría das cidades galegas e suporía a visión máis achegada ao nacionalismo de todas elas.

Galicia Pode reivindica tamén o seu acheamento á cúpula do partido a nivel estatal

A outra opción é a de Galicia Pode, unha lista liderada pola candidata á secretaría xeral, Susana Fernández Blanco, unha ferrolá implicada desde os inicios no círculo da localidade departamental. Reivindica tamén o seu achegamento aos principios da cúpula que lidera a formación en Madrid e as resolucións que se acordaron na asemblea Si se Puede.

Fundamentada nos círculos de Vigo e Ferrol, a lista mantén contactos cos doutras localidades como Culleredeo, Cambre, Lugo ou Arteixo e insiste ne defender "a esencia mesma de Podemos". "Pequenas persoas facendo pequenas cousas, que poden lograr grandes cambios", é o lema da candidatura, que defende un programa político que, segundo aseguran, "debuxan un camiño para defender e mellorar Galicia".

Algúns dos membros de Podemos Cambiar Galicia © Podemos Cambiar Galicia
Breogán Riobóo, candidato por Claro que Podemos © podemos.info
Susana Fernández, candidata de Galicia Pode © Galicia Pode

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.