Syriza, a coalición da esquerda radical, venceu con claridade nas eleccións celebradas en Grecia este domingo. "Recuperamos a dignidade", dixo o seu líder Alexis Tsipras tras coñecer os primeiros resultados. Gañou a opción que moitos gregos viron como a esperanza, a que promete xa un "goberno social de salvación" e unha negociación coa troika que acabe coas políticas de austeridade que deixaron o país quebrado.
Syriza promete xa un "goberno social de salvación" e unha negociación coa troika que acabe coas políticas de austeridade
Os dous rescates levaron a economía grega a esborrallarse un 25%, coma se sufrise unha guerra. A débeda pública pasou do 125% do PIB ao 176% (315.000 millóns) a finais de 2013. Os axustes solicitados polos rescatadores, a troika europea e o FMI, deixaron un desolador panorama social. Os soldos públicos caeron un 20%, igual que as pensións. A taxa de paro disparouse até rozar o 26%. E, entre outras terribles estatísticas, Grecia lidera o ránking de países occidentais en taxa de pobreza infantil.
E Grecia dixo que xa abondaba. Gañou a esquerda e a alternativa. A esperanza ante a desfeita -de novo- do PASOK, que chegou a ter o 44% do apoio hai cinco anos e que agora é condenado á irrelevancia xunto ao novo grupo fundado por Papandreu. Ao remate do escrutinio, a coalición que lidera Tsipras ficou a dous escanos de non precisar acordos para gobernar, cun total de 149 -o sistema electoral grego outórgalle un bonus de 50 escanos á primeira forza. O outro gran titular da noite foi o asentamento dos neonazis de Aurora Dourada como terceira forza, con 17 escanos e máis de 380.000 votos.
Xa antes de que se coñecesen os resultados definitivos, Syriza falaba dunha "vitoria histórica", un triunfo contundente na que derrotou con claridade á Nova Democracia do até o de agora primeiro ministro Sámaras. Tras os neonazis colocáronse os dos centristas de To Potami (O Río), a revelación da xornada e que superou por pouco os comunistas do KKE. Entre estes dous últimos centrábanse as dúas opcións de pacto para Syriza, pero o Partido Comunista xa deixou claro que nin apoiará nin pactará con Tsipras, toda vez que advertiron que se manterían como oposición en calquera caso.
"O pobo grego deixou atrás as políticas da austeridade e a catástrofe e mandou a troika ao pasado, que non ten sitio no futuro deste país", dixo Tsipras
"O pobo grego deixou atrás as políticas da austeridade e a catástrofe e mandou a troika ao pasado, que non ten sitio no futuro deste país. Syriza e o pobo grego somos a esperanza de Europa, unha Europa que cambia. O pobo grego irá ao encontro doutros pobos europeos. O veredito das urnas foi moi claro e non ofrece dúbida ningunha. Acabouse o ciclo vicioso da austeridade", asegurou Alexis Tsipras con máis da metade dos votos escrutados.
"É un mandato para o renacemento nacional e formaremos un goberno que represente o conxunto dos gregos, para confiar e para dicirlle a toda a cidadanía, votárannos ou non, que imos traballar para reconstruír un país baseado no progreso e na xustiza", insistiu ante os seus seguidores, aos que dixo que "non hai nin vencedores nin vencidos". "É a vitoria de todos os pobos europeos que loitan contra a austeridade que destrúe o noso futuro como europeos", engadiu, tras pedir axuda a outros Estados para "volver ao crecemento" tras unha nova negociación na UE. Ademais, advertiu de que o seu goberno "non será catástrofe ningunha", senón "unha ruptura cos intereses vinculados á corrupción".
"A vitoria de Syriza e a vitoria de todos os pobos europeos que loitan contra a austeridade que destrúe o futuro", di Syriza
John Milios, xefe do departamento de Economía de Syriza, declarara tamén antes a Euronews que "o pobo grego decidiu pasar páxina e poñer fin xa ás políticas da austeridade". O profesor da Universidade de Atenas, que podería ser o novo minisro de Finanzas, cre que a noite do domingo foi "o primeiro elo dun cambio que será o primeiro de varios en toda Europa".
Ademais, Milios tamén advertiu de que "as coalicións e a cooperción con outros partidos forman parte do selo de Syriza" e amosouse disposto a chegar a acordos. "O acordo non se baseará nas políticas de austeridade que se aplicaron no pasado", dixo.
A vitoria da coalición de esquerdas supón, xa que logo, unha esperanza para as formacións contrarias ás políticas de austeridade aplicadas en Europa, nomeadamente nos países do sur, e supón un pulo para formacións que aspiran para rachar co bipartidismo que a socialdemocracia clásica e a dereita marcaron en numerosos Estados. España é un deles. En pleno ano electoral -con municipais, autonómicas, xerais e tamén comicios en Cataluña e Andalucía- o triunfo de Tsipras supón a esperanza para a esquerda alternativa e para o nacionalismo de esquerda e progresista.
IU e Podemos a nivel estatal celebraron case como súa a vitoria de Syriza, un triunfo que tamén foi recibido con ledicia nas filas de Anova ou o Bloque. A oposición ás duras politicas neoliberais pasa agora ao poder en Grecia, que se ve como o primeiro paso dun cambio que pode espallarse por boa parte do continente. Sámaras, aliado do PP e a quen Rajoy apoiou hai tan só uns días, foi o gran derrotado.