O 28 de abril de 2006 o daquela voceiro do PP no Parlamento, José Manuel Barreiro, rexistraba unha emenda á totalidade do texto da Lei de Transparencia promovida polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Segundo os conservadores, xa presididos por Alberto Núñez Feijóo, aquela norma non achegaba "novidade ningunha". Malia aquela emenda á totalidade e malia chegar a cualificala de "ridícula" o PP acabou votando a favor da norma que, por primeira vez, lle impuña á Xunta obrigas como a publicación dos salarios do Goberno e dos contratos administrativos ou o veto aos agasallos que pretendan influír na vontade dos altos cargos. Case nove anos despois Feijóo vén de lanzar a proposta de elaborar unha nova lei de transparencia aínda que o seu partido, agora dende o poder, aínda non cumpre integramente a que daquela consideraba insuficiente.
A nova normativa en materia de transparencia foi unha das cinco leis anunciadas polo presidente no marco da súa comparecencia parlamentaria verbo das "medidas de impulso democrático", coas que os populares substituíron as numerosas solicitudes de comparecencia que a oposición formulara sobre casos concretos de presunta corrupción como a trama Zeta, entre outras. Segundo o presidente a súa intención non é outra que a de "restaurar as pontes que nos conectan coa cidadanía e romper as que facilitan o labor dos indesexables". Por iso, lanza unha nova lei que será "das máis avanzadas de Europa" aínda que na actualidade, por exemplo, a Xunta aínda non publique os salarios de todo o seu persoal asesor, como ordena a lei vixente.
Feijóo enmarca cinco novas leis nun "programa de impulso democrático"
A "creación dun portal da transparencia e bo goberno" -como ordena a nova lexislación estatal-, a publicación "dos liberados sindicais e do custo que xeran" ou da "relación de vehículos oficiais do Goberno" son algúns dos aspectos máis destacados polo presidente nun contexto no que, asegura, tamén vai regular por lei as "actuacións dos gobernos en funcións". O "programa de impulso democrático", di, completarase "en cincuenta días" con catro leis máis: unha nova para o Consello de Contas, outra sobre "participación cidadá no Parlamento", unha máis sobre "financiamento de partidos políticos no ámbito autonómico" e unha cuarta relativa aos "casos nos que un empregado ou autoridade pública podería recibir asistencia letrada da Administración", suposto sobre o que xa existe xurisprudencia e que en xuño de 2014 derivou na condena por prevaricación de máis da metade do Goberno municipal de Santiago.
A oposición esixe concreción e explicacións
Jorquera: "A loita contra a corrupción non se predica, practícase"
Mentres o presidente considera que "a todos nos corresponde facer exame de conciencia", insta a "non apagar un lume localizado irrigando gasolina" e promete máis "prevención da loita contra a corrupción" a oposición ínstao a comezar por "render contas", por exemplo, "das súas amizades perigosas con Marcial Dorado ou Pachi de Lucas", en verbas do voceiro do BNG, Francisco Jorquera. "A loita contra a corrupción non se predica, practícase", sinala o nacionalista, quen o insta a asumir a batería de "propostas concretas" formuladas dende o BNG, que lle entregou ao presidente. O titular da Xunta, lamenta, "vén cunha retahíla de propostas que son fume", anunciando "o que se vai facer" para "xustificar o que está deixando de facer". Del, conclúe "non se pode esperar unha mala palabra nin unha boa obra".
Romeu: "Non está lexitimado mentres non explique o presunto financiamento ilícito do PP"
O "paso dos discursos aos feitos" é tamén o que se esixe dende a banda do PSdeG, a xuízo de cuxo voceiro, José Luis Méndez Romeu, Feijóo "non está lexitimado para dar leccións" mentres, por exemplo, non "explique" o "presunto financiamento ilícito da súa organización" en casos como Gürtel. Pero o presidente da Xunta, reprocha, opta por un "exercicio de adanismo". "Preside o PP de Galicia e é directivo do PP, pero a realidade parece que non vai con vostede" e "non sabe nada". Así e todo, advirte, os socialistas están dispostos a chegar a acordos para previr a corrupción, sempre que estes non se formulen "de costas ao Parlamento".
Beiras: "Se quere dar pulo democrático váiase, señor Núñez"
Explicacións sobre casos que presuntamente afectan ao PP son as que reclama tamén o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, para quen Feijóo actúa ante a corrupción "como un médico que na era dos antibióticos lle aplica cataplasmas ao enfermo". "A súa comparecencia é un lapsus freudiano", di Beiras, quen tras as verbas presidenciais observa a revelación de que Feijóo "sabe que non vai gobernar máis" e por iso "queren tentar deixarlles aos que veñan" os "controis" aos que o PP "rexeitou someterse sistematicamente". "Se quere dar pulo democrático váiase, señor Núñez, como Aznar reclamaba que fixese o señor González", reclama Beiras. "O vamos a acadar con ou sen vostedes", conclúe Feijóo.