0 Gardados para despois

As familias da 'imposición' do galego eran catro

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A mediados da pasada década, mentres a burbulla inmobilaria estouraba, en Galicia inchábase unha ben distinta: a lingüística. Tras máis de vinte anos coa Lei de Normalización Lingüística en vigor e co galego en retroceso o Goberno da Xunta, daquela sustentado por PSdeG e BNG, sacaba adiante un decreto para fixar un "mínimo" do 50% das materias escolares en lingua galega. A norma, inicialmente apoiada polo PP, serviulle ao partido que aspiraba a regresar a San Caetano para falar, a través de Alberto Núñez Feijóo, dun "conflito lingüistico sen precedentes". Os populares apoiaron esta teoría sobre grupúsculos tan descoñecidos como reducidos que comezaron a lanzar inéditas e rechamantes proclamas, coa inefable denuncia dunha suposta "imposición" do galego en Galicia na súa cerna. Cando xa transcorreron case oito anos estas teorías e a súa amplificación están notablemente diluídas en Galicia pero teñen soporte legal no Estado, toda vez que a nova lei educativa abre a porta ao pagamento con fondos públicos de ensino privado en castelán. Na estrea do novo sistema a súa acollida é practicamente nula en territorio galego.

No inicio do presente curso escolar 2014-2015, o primeiro da Lei Wert, UPyD preguntoulle por escrito ao Goberno central cantas "reclamacións" recibira "por parte de familias de escolarización en centros privados para poder recibir ensino en castelán". Na resposta, datada en outubro e que vén sendo difundida en Galicia nos últimos días por mor dunha información do Faro de Vigo, o Ministerio de Educación comeza explicando que o "procedemento que se preveu é moi garantista" e "require da comprobación de todas as circunstancias" que "dan dereito" á "compensación", así como a apertura "dun prazo para solicitar información á comunidade autónoma aceptada". Así e todo, o departamento ministerial xa estaba en condicións de ofrecer os primeiros datos.

O Ministerio comeza explicando que "no primeiro mes de funcionamento deste sistema" a súa Sede Electrónica tivo 293 "apuntamentos de solicitudes", dos cales "256 teñen o estado de borrador", isto é, as persoas solicitantes completaron algún dato no formulario pero non chegaron a confirmalo. Neste escenario, as solicitudes correctamente confirmadas, é dicir, as que contan con todos os datos e nas que "previsiblemente" a persoa solicitante "imprimiu a solicitude e quedou pendente de presentala nun Rexistro físico", eran unicamente 35 en todo o Estado, das que 4 correspondían a Galicia.

As escasas familias solicitantes optan a unha subvención contemplada pola Lei Wert de ata 7.000 euros para sufragar ensino privado

Así, Galicia é a orixe de apenas o 11% dunhas solicitudes que chegaron maioritariamente da Comunitat Valenciana, 25 do total. As seis restantes chegaron en igual cantidade de Balears e de Catalunya, comunidade na que o ministro Wert pensou especialmente á hora de deseñar a normativa. En Euskadi e Navarra non se rexistrou ningunha solicitude para evitar o ensino en euskera.

No caso de que o Ministerio de Educación considere que os alumnos para os que se cursan estas solicitudes non reciben unha "proporción" de materias "en lingua castelá e en lingua cooficial" que sexa "razoable", activa o financiamento dunha praza escolar nun centro privado que, en última instancia, será financiado con cargo aos orzamentos autonómicos. Para cuantificar a cantidade máxima a pagar o Estado fixa como referencia "o gasto público por alumno púbico en ensino non universitario" en cada autonomía. Os datos máis recentes incluídos na propia resposta parlamentaria, datados no ano 2011, implican que as devanditas catro familias galegas poderían optar a unha subvención duns 7.000 euros anuais.

Ademais de coñecer que a preocupación por fuxir do minguante galego no ensino só chega ás casas de 4 dos máis de 200.000 alumnos e alumnas do ensino público galego a resposta do Ministeiro permite observar, ademais, a evolución dese indicador de gasto público por alumno dende o remate dos que se deron en alcumar como anos de bonanza económica. No ano 2004, di o Goberno de España, en Galicia este indicador estaba en 5.430 euros por estudante. Tres anos despois o investimento xa superaba os 7.200 e en 2009 tocaba teito, con 8.041 euros. En 2011, último dato ofrecido neste rexistro, o recorte aplicado era xa de case un 12%.

Solicitudes confirmadas para ensino en castelán

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.