"Construír país e traballar para que Galicia teña unha representación política propia e forte, con aspiración de acadar a maioría social". Esta será unha das intencións coas que nacerá Somos nós, un "movemento cívico" que verá a luz a finais de febreiro co ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana como unha das súas cabezas visibles. Despois de que, dende o pasado outono, Quintana protagonizase diversos actos públicos nos que expresou "preocupación" pola "desgaleguización" do debate político dende a contorna do antigo líder do BNG sinálase que estas liñas concretaranse nunha "declaración constituínte" aberta a adhesións e na posta en marcha deste novo foro coa forma xurídica de asociación.
A intención e Somos nós, explican as fontes consultadas por este diario, é a de traballar para que Galicia "conte e estea presente no debate sobre o novo modelo territorial do Esatdo" sen que isto implique ter o "obxectivo" de "competir" nas diferentes convocatorias electorais que se presentan. Si apostan, non obstante, por "colaborar" e "traballar" para que o país "teña unha representación política propia" que "aspire" a "acadar a maioría social".
'Somos nós' comezará as súas actividades a finais de febreiro cunha primeira presentación pública en Compostela
Estas "aspiracións", sinalan as mesmas fontes, pularán contra a "desaparición" da política galega como tal detectan os "membros fundadores" de Somos nós, que prevé seguir sumando integrantes ao longo das vindeiras semanas. Neste sentido, a nova organización centrará parte dos seus esforzos en salientar que "o máis significativo" da vindeira lexislatura estatal "vai ser que se vai abrir un debate sobre a reforma constitucional" e, consecuentemente, sobre o modelo territorial do Estado español. "Se Galicia non está presente", subliñan, podería ficar fóra do "rango diferenciado" que, auguran, lograrán Euskadi e Cataluña.
"Este movemento non vai estar feito para refundar o nacionalismo", senón para que "Galicia conte", din
Tras unha primeira presentación pública en Compostela Somos nós comezará un "proceso constituínte" para dotar o "movemento" dun "modelo de organización, unha proposta programática" e uns "obxectivos anuais" que implicarán actividades de estudo, divulgación, actos culturais e tamén "accións de protesta cando sexan necesarias". Nestas actividades e na propia posta en marcha da asociación, destacan, contarán con persoas que xa participaron en organizacións políticas e outras "sen vinculación partidaria". "Este movemento -resaltan- non vai estar feito para refundar o nacionalismo" nin para "unir" as formacións que agoran fan política por separado, senón "para unir a poboación galega".
Así as cousas, dende o grupo promotor explican que en Somos nós haberá persoas procedentes de diferentes ámbitos profesionais e políticos que apostan por conformar unha "casa para todos" cuxo inicio "non vai estar condicionado" pola proximidade das vindeiras municipais. "Non queremos interferir", aínda que "desexamos que despois das municipais haxa moitos edís, alcaldes e alcaldesas en clave de país". "Os problemas de Galicia temos que resolvelos os galegos e galegas", reiteran, nun contexto no que Quintana, explican, actúa "en primeira liña" como "divulgador" dado o seu gran "coñecemento público", se ben a súa intención é "demostrar que a política é algo máis que os cargos institucionais e de partido", matizan.