A axenda da Xunta como escenario preelectoral. Senllas visitas a Expourense e a unha exposición pictórica servíronlles este sábado a Jesús Vázquez e Elena Muñoz para estrear a súa dupla condición de conselleiros e candidatos ás alcaldías destas cidades. Mentres, na Coruña, Alberto Núñez Feijóo presentaba os candidatos do PP nesta provincia os aínda responsables de Educación e Facenda presentáronse como membros do Goberno ante as respectivas prensas locais para expresar a "emoción" e "ilusión" que, din, lles produce a designación, e explicar que descoñecen, polo momento, cando deixarán o Consello da Xunta. Esa saída, como a designación mesma, depende en última instancia do presidente do Goberno e do partido.
O polo momento titular de Educación ofreceu unha longa comparecencia ante a prensa sobre asuntos afastados das cuestións educativas ou culturais. El, asegura, vai fiar un "proxecto bonito" que permita que Ourense "volva ser a Atenas galega". El, asegura, mantén unha "relación magnífica" con Rosendo Fernández, actual voceiro municipal e candidato ao bastón de mando en 2011. A el recoñécelle un "traballo difícil" ante un un "goberno moi fragmentado". Aínda, asegura, é cedo para avanzar datos sobre o resto da candidatura ou sobre o programa electoral, pero explica que dende que transcendeu a súa candidatura xa recibiu "achegas para o proxecto, como tentar facer máis espazos públicos para as mascotas".
Os titulares de Educación e Facenda limítanse a expresar "emoción" e a afirmar que a súa saída do Goberno depende do presidente
Mentres, na mesma xornada e tamén como conselleiro, Vázquez anunciaba un investimento de 300.000 euros na Catedral ourensá Muñoz explicaba, no Museo do Mar de Vigo, que asegura verse con tempo "suficiente" para enfrontarse a Abel Caballero. Despois de que o tamén ex conselleiro Javier Guerra rexeitase encabezar o cartel electoral Muñoz asegura ter diante de si o reto "máis importante da miña vida", "encabezar a candidatura do partido máis importante desta cidade, que é a cidade máis importante". Ela, di, esta "desexando" dedicar "todos os esforzos" á carreira electoral, pero a súa saída da Consellería vaina "marcar o presidente".
Sete relevos dende 2009, só un deles tras unhas eleccións galegas
Mentres Vázquez e Muñoz daban os seus primeiros pasos como candidatos Feijóo aproveitaba o devandito acto de partido na Coruña para asegurar ante os seus que "non foi fácil" decidir "desprendernos de conselleiros excepcionais" para seren candidatos, como tampouco foi fácil "prescindir no verán pasado de Agustín Hernández", actual alcalde de Santiago, "un valor seguro" que "traballa de sol a sol sen pedir nada". Efectivamente, a marcha dos conselleiros de Educación e Facenda provocará unha nova crise de goberno de Alberto Núñez Feijóo, no que xa se produciron sete relevos dende a súa primeira configuración, aínda que só un ligado a unhas eleccións galegas.
A saída de Juárez, conselleiro de Medio Rural tras o retorno do PP ao poder, produciuse na primeira gran vaga de cambios no Executivo de Feijóo, que tivo como escenario a vitoria electoral do PP nas xerais de 2011. Tras eses comicios Juárez pasou a ocupar a delegación do Goberno central en Galicia, na que permaneceu ata o pasado outono, cando foi nomeado agregado de Agricultura na embaixada de España en China.
O diplomático Roberto Varela chegou á Consellería de Cultura no medio da treboada provocada polas rechamantes novas teses do PP a respecto da lingua e da cultura galegas. Varela tomou posesión no medio da polémica pero, aos poucos, foi gañando simpatías entre o sector cultural cun perfil que chegou a causar máis adhesións fóra que dentro do Goberno. Aproveitando a remodelación de comezos de 2012 Feijóo suprimiu a Consellería de Cultura e o seu propio posto, cuxas competencias pasaron a Educación. Na primavera dese mesmo ano foi nomeado embaixador de España no Uruguai.
Farjas tamén cambiou Galicia por Madrid. A primeira conselleria de Sanidade de Feijóo marchou xusto antes do inicio da primeira gran vaga de recortes sanitarios, que dirixiu e comandou como secretaria xeral de Sanidade do Ministerio de Sanidade de Ana Mato. Nesa responsabilidade permaneceu ata o pasado decembro, cando tras o cesamento de Ana Mato e a chegada do novo ministro, Alfonso Alonso, ela temén deu en dimitir.
Para Fernández Currás o Goberno galego tamén serviu de trampolín cara a Madrid. Foi a cara das contas da publicitadísima austeridade e tamén a conselleira de Facenda que estampou a súa sinatura na fusión das caixas galegas. Tras a formación do Executivo de Rajoy foi reclamada para ocupar a Secretaría de Estado de Orzamentos, baixo o mando de Cristóbal Montoro. Dende alí negouse a comparecer na comisión de investigación sobre a desaparición de Novacaixagalicia.
A única saída que, polo momento, respondeu unicamente á dinámica do propio Goberno galego. O acaudalado empresario, procedente da política local viguesa, tardou en acomodarse á Xunta. Contra o final da primeira lexislatura de Feijóo Guerra deu en comentar que non lle gustaría seguir como conselleiro, sen chegar a oficializalo. Así e todo, segundo transcendeu, esa escasa disposición rematou por chegar a ouvidos do presidente, que tras volver gañar as eleccións o substituíu polo seu asesor Francisco Conde, no que foi o único cambio no gabinete tras eses comicios. Guerra permanece como deputado no Parlamento, posto dende o que se negou a optar á Alcaldía de Vigo.
A primeira saída do Goberno Feijóo cara ao ámbito municipal, pero sen estar relacionada, en absoluto, cunhas eleccións. Hernández ocupara simbolicamente en 2011 o último posto da lista electoral do PP de Santiago, se ben o seu papel na vida municipal compostelá foi practicamente nula, alén de pedir o voto para Gerardo Conde Roa. Na primavera de 2014, despois da condena por prevaricación de máis da metade do goberno local de Santiago, Feijóo decidiu envialo a substituír a Ángel Currás, imputado no caso Pokémon. En xullo púxose á fronte dun goberno formado maioritariamente por edís non electos e agora ten encomendado o reto de presentarse ás eleccións e gañalas con maioría absoluta.
Vázquez era, ata agora un dos sobreviventes daquel primeiro gabinete de Feijóo, no que dende o inicio foi un dos seus membros máis polémicos. O presidente encomendoulle, xunto a Anxo Lorenzo, poñer en marcha o denominado decreto do plurilingüismo e con ese labor foi un dos valedores da teoría da "imposición" da lingua galega. Ao longo destes seis anos acumulou abondosos enfrontamentos co sector da educación, especialmente polos recortes aplicados, que el nega. A Vázquez corresponderalle agora tentar encabezar a efervescente corporación municipal compostelá nunha provincia na que o PP aínda é sinónimo de familia Baltar.