A lei electoral, o territorio e a demografía. Son as tres variables que lle permitirían ao PP salvar os mobles e reivindicarse como primeira forza da política estatal ao manterse como grupo parlamentario máis numeroso do Congreso dos Deputados. Este é o escenario que resultaría de celebrárense agora as eleccións xerais previstas para finais deste ano, nas que Podemos sería a segunda forza da Cámara Baixa pero a primeira en votos, segundo as estimacións dO Mirante, o panorama electoral elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego.
Nun escenario marcado pola ausencia de maioría absoluta a proxección de escanos que resulta da estimación de voto neste mes de febreiro os conservadores lograrían entre 107 e 111, o que implicaría perder máis de 70 a respecto da situación actual. O partido de Pablo Iglesias irrompería nas Cortes como forza máis votada e entre 98 e 108 escanos que o deixarían por diante do PSOE, terceira forza en intención de voto e tamén en deputados e deputadas, con entre 87 e 94 asentos, uns 20 menos que na actualidade.
O partido que lidera Pablo Iglesias lograría entre 98 e 108 escanos e o BNG conservaría os 2 que ten actualmente
Así as cousas, nun escenario de eventuais coalicións para formar goberno tanto a suma de PP e PSOE como a de Podemos e os socialistas serviría para acadar a maioría absoluta. Coas actuais cifras de voto a posibilidade de que os de Iglesias poidan traducir a escanos a súa primacía en votos é remota, toda vez que precisaría, cando menos, adiantar os populares en dous puntos para superalos tamén en representación parlamentaria. Na banda baixa Ciudadanos estrearíase con 4 escanos, tantos como UPyD, e o BNG conservaría os 2 que obtivo nas xerais de 2011.
Podemos cae tres décimas
Esta correlación de forzas parlamentarias sería o resultado no que, segundo esta estimación de voto, Podemos perdería tres décimas de apoio cidadán a respecto d'O Mirante de xaneiro. Trátase do seu primeiro retroceso demoscópico nestas análises mensuais, se ben segue en cabeza con algo menos dun punto sobre o PP. O partido que actualmente sustenta o Goberno de Mariano Rajoy, pola súa banda, mantense en niveis semellantes aos do mes pasado, o que semella poñer fin ao seu declive dos últimos meses. Quen ademais de deter a súa caída se recupera levemente é o PSOE, que medra algo máis dun punto, se ben estas estimacións están realizadas antes de acontecementos políticos relevantes como o adianto electoral en Andalucía e a sinatura do pacto antiterrorista co PP:
Entre o resto de forzas políticas as posicións mantéñense aínda que IU e UPyD retroceden levemente mentres Ciudadanos crece un chisco, aínda que a súa expansión se ve limitada pola fin da caída do PP. No ámbito nacionalista e soberanista o BNG gaña unha décima e chega ao 0,7%, achegándose ao seu resultado de 2011. En Catalunya CiU adianta a ERC e sitúase, co 2,6%, unha décima por riba da formación republicana, e en Euskadi recupérase a estabilidade nun escenario de mínima diferenza entre PNV e EH-Bildu. Quen amosa maior crecemento é a coalición de Compromís-Equo, que chega ao 1,2%, mentres que no ámbito da dereita nacionalista española Vox segue a desincharse e avanza cara á insignificancia no panorama estatal.
Con estes resultados o PP seguiría máis de 20 puntos por baixo do seu triunfo electoral de 2011 e o PSOE caería uns seis puntos. Mentres, Izquierda Unida perdería uns dous puntos a respecto das últimas eleccións xerais e o partido de Rosa Díez, en torno a medio punto.