Medio Ambiente propón amortizar 60 postos de traballo e despedir a 10 traballadores

A conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez © Xunta

A Consellería de Medio Ambiente prevé amortizar sesenta postos de traballo por valor de case 2 millóns de euros anuais, o que suporá o despedimento de dez traballadores. Así o denuncia a CIG, tras a proposta que vén de remitir este departamento da Xunta, na que se diferencia entre os 33 postos que se amortizan por deixar sen dotación orzamentaria e cuxa supresión non se emprega para crear ningún outro posto, e os 27 cuxa dotación prespostaria úsase para crear postos diferentes. 

A proposta de Medio Ambiente prevé amortizar 60 postos, o que supón o despedimento de dez traballadores

"De xeito neto temos unha destrución de emprego público de 33 postos por valor de algo máis de 1 millón de euro anual. Entre eses 33 postos temos arquitectos, axentes medioambientais, delineantes, postos base so subgrupo A1 e C2, peóns, vixilantes de recursos naturais...", denuncia CIG-Administración, que denuncia a argumentación da Consellería para amortizar estes postos, ao dicir que "non están orzamentados" cando "éa propia Consellería a que ten que lle propoñer a Facenda o que quere ou non amortizar". De feito, desde 2014 xa non se inclúe nos Orzamentos a obrigatoriedade de amortizar os postos vacantes senón os que "non sexan necesarios".

A CIG defende que os postos "si son necesarios" en Medio Ambiente, ao ser unha das consellerías onde máis asistencias técnicas e persoal da empresa Tragsa hai, e que supuxeron varias sentenzas por subcontratación ilegal.

A CIG defende que os postos "son necesarios", máis aínda nunha consellería con abundantes subcontratacións en Tragsa

Ademais, o sindicato aclara que estes postos están ocupados, polo que ao final prodúcese tamén unha perda de efectivos. "Hai unha clara intención de eliminar postos base ocupados por persoal temporal e crear diferentes xefaturas; deste xeito, continúa a Xunta coa inversión da pirámide dos recursos humanos e, de paso, despedindo traballadoras e traballadores", engade. 

"Resulta cínica a explicación da consellaría na memoria que di que pretende dotar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de máis persoal para 'reducir ás encomendas de xestión' con empresas públicas como Tragsa cuxo persoal subcontratado vén facendo habitualmente as función da falta de persoal propio", denuncia a central, que advirte que realmente hai un saldo negativo de postos que obrigará a aumentar as subcontratacións

"O que fan é amortizar postos de persoal funcionario creados para dar cumprimento á execución de sentenzas de subcontratación ilegal para crear outros postos de persoal funcionario", insiste, tras aclarar que na secretaría xeral anterior crean 17 postos e amortizan 10, e deses 17 que eliminan un total 10 están ocupados por persoal laboral indefinido no fixo. "O que se di, reforzo, moito reforzo non hai, máis ben todo o contrario. Xa que logo, de novo, a Consellaría segue fomentando que os postos se sigan creando por sentenza xudicial de cesión ilegal de traballadoras e traballadores", remata. 

"Medio Ambiente parece que tampouco cre as promesas de recuperación económica da propia Xunta"

A CIG lembra que este recorte de persoal únese á amortización de 130 postos de traballo que Medio Rural levou a cabo hai pouco e "en plena recuperación económica", segundo presumen o PP e a Xunta. "A Consellaría de Medio Ambiente parece que tampouco cre as promesas de recuperación económica do propio Goberno autonómico", di. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.