O pasado decembro a xuíza instrutora do caso Pokémon, Pilar de Lara, estendía a 24 membros do PP ourensán a súa investigación sobre presunto financiamento irregular do partido, iniciada a raíz das declaracións do seu ex xente, Emilio Pascual. Como informou este diario, a maxistrada e os investigadores do caso sospeitaban que, "para non superar o límite legal establecido", os populares de Ourense promoverían a facturación de gastos electorais "ao nome de diversas persoas xurídicas" e "de diferentes persoas que ostentan cargos dentro do PP". Parte dos cartos, acrecentaba, procedían supostamente de doazóns ao partido realizadas á marxe das canles legais. Apenas dous meses despois De Lara ve "referendadas" as súas sospeitas e amplía un chisco máis a investigación.
Segundo consta nun auto ditado o pasado martes e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública as "afirmacións realizadas" polo ex xerente a respecto deste "procedemento de recadación de cartos e de emisión de facturas falsas" víronse "refrendadas pola documentación" achegada polas diferentes empresas investigadas, a cal xa foi "analizada" polo Servizo de Vixilancia Aduaneira. Deses documentos, di a xuíza, "desprenderíase que, tal e como sinalou o señor Pascual [o ex xerente] os gastos electorais do PP (fundamentalmente aqueles relacionados coa publicidade), a fin de non superar o límite legal", foron facturadas a nomes diferentes do propio partido.
"A través deste procedemento se podería estar burlando a lexislación electoral", sinala a maxistrada
Ese procedemento, di De Lara, ten que ser "investigado", porque "a través deste procedemento se podería estar burlando a lexislación electoral e de financiamento de partidos políticos, ademais de implicar un presunto delito de falsidade documental". "Segundo afirmou a testemuña", quen realmente pagaba era "o propio partido, xeralmente en efectivo" e eses pagamentos "non se reflectían na contabilidade oficial, porque o diñeiro procedía de doazóns ilicitamente recibidas".
"Facturación correlativa" ao nome dos candidatos
As primeiras facturas das que De Lara sospeita están datadas no ano 2005, cando "se efectúa unha facturación correlativa" dende a empresa de publicidade Pla&Nos ao nome de varios dirixentes do PP, tales como Amparo González, actual directora xeral de Familia, "por 4.176 euros", José Manuel Baltar, "por importe de 4.060 euros", Miguel Santalices, agora vicepresidente do Parlamento, "por importe de 4.292 euros", o subdelegado do Goberno central en Ourense, Roberto Castro, "por importe de 3.944 euros", o ex deputado e actual secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, "por 4.408 euros" e María Luis Valladares, por 4.120,32 euros. "Esta facturación realízase o mesmo día", o 28 de decembro de 2005, e o pago "prodúcese igualmente o mesmo día", o 2 de febreiro de 2006, "sen que conste a forma de pago", o que "parece indicar un pago en efectivo".
De Lara sospeita das facturas emitidas a nome de dirixentes como Baltar, Castro ou Rodríguez Miranda
En 2007, no marco das eleccións municipais a investigación detecta unha nova "facturación correlativa", neste caso ao nome de ata catorce dirixentes e candidatos do PP, entre os que se atopa Jose Luís Baltar, o ex alcalde de Ourense e deputado Enrique Novoa, a actual deputada Marta Rodríguez-Vispo ou a agora xerente do hospital ourensán, Eloína Núñez, e varios edís, entre outros. Todas a facturación "está emitida na mesma data, 28 de maio de 2007, e por idéntico importe". Como no anterior caso, "a facturación emitida ao nome de persoas físcias, todos eles candidatos do PP, foi abonada en efectivo na mesma data". "É significativo -engade- que o importe das facturas (...) non supere os 3.000 euros, cantidade a partir da cal se estaría obrigado" a presentar documentación adicional en Facenda.
"Idéntico sistema" a partir de 2011
Como no auto de decembro a maxistrada considera, á luz dos datos achegados no informe de Aduanas, que "a partir do ano 2011 se puido seguir con idéntico sistema", aínda que "utilizando outras empresas para encubrir supostos gastos do PP". Neste caso, "as informacións recibidas sinalan que no ano 2011" outra empresa Nacher Publicidad, "emitiu facturas presumiblemente por gastos de publicidade en campaña electoral" ao nome do deputado no Congreso Guillermo Collarte "por importe de 12.443,10 euros" e do secretario xeral do partido na provincia e actual voceiro municipal, Rosendo Fernández, "por 9.584,55 euros". Neste sentido, o xerent da empresa "manifesta que os traballos realizados eran encargados polo propio candidato, a cuxo nome se emitía a factura, de forma verbal, e os pagos eran realizados polos mesmos". Igual que nos outros casos, "as facturas foron emitidas na mesa data", o 31 de decembro de 2011, "pero en ambos casos constan pagadas mediante entregas a conta dende o mes de febreiro", no caso de Fernández, "ou dende o mes de abril, en relación a Collarte".
A investigación detecta "diverxencias" entre a facturación das axencias e a do partido
Neste contexto, a documentación entregada pola axencia publicitaria aos investigadores inclúe "facturación ao nome do PP", se ben ao contrastala coa "información obtida na Axencia Tributaria", consta "máis facturación emitida ao PP e, o que é máis importante, existen diverxencias", toda vez que "en 2010 o PP non declara a relación comercial con Nacher Publicidad" pero a empresa "si a declara, en importe de 8.129,57 euros". En 2011 "mentres Nacher Publicidad declara unha facturación de 25.210,97 euros, o PP incrementa esta cantidade ata os 41.115 euros".
A xuíza pide máis facturas ao nome do PP ourensán, que nega as acusacións e reitera que demandará o ex xerente
Mentres o propio partido mantén que demandará o seu ex xerente porque, asegura, o seu testemuño non se corresponde coa verdade, a xuíza coida que a documentación que xa manexa apunta á "autenticidade das facturas e documentos facilitados por Emilio Pascual, que segundo afirma se obtiveron da propia sede do PP ourensán". Así, e dadas as sospeitas polas incoherencias detectadas nas contabilidades do partido e das empresas investigadas, De Lara disponse a "proseguir coas investigacións presuntos delitos de falseamento de contas, apropiación indebida e, no seu caso, suborno e tráfico de influencias". Por este motivo reclama que dous medios de comunicación da capital da provincia e a devandita Nacher informen das facturas emitidas ao nome do PP, de empresas do grupo Véndex e dos membros do PP Jackeline Elizabeth Fernandez, Carmen Leyte, Francisco José Fernández e mais Ana Belén Vázquez, todos eles membros do PP ourensán.