'Men in black' no Pazo do Hórreo

Dominio Público Praza Pública

O “neuralizador” foi un dos elementos do filme Men in black (1997) que mellor gravados quedaron no imaxinario colectivo. Na adaptación cinematográfica da banda deseñada de Lowell Cunningham e Sandy Carruthers os axentes interpretados por Tommy Lee Jones e Will Smith utilizaban este trebello para, cunha caste de luminoso lóstrego, borrar a memoria da persoa que tivesen diante, evitando así que lembrase o seu contacto cos extraterrestres. Ese borrado é o que, en pequenas doses, se está a producir dende hai un tempo no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia.

Dende o inicio da lexislatura tanto a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, como os deputados do PP aos que lles corresponde dirixir as diferentes comisións amósanse especialmente estritos ao regularen as expresións que os representantes da oposición poden ou non utilizar nos seus discursos. Así, se un representante de PSdeG, AGE, BNG ou o Grupo Mixto lanzan unha acusación, un cualificativo ou se dirixen ao Goberno nun ton que a Presidencia considera inconveniente, o deputado ou deputada de que se trate é apercibido e, ademais, as súas verbas fican “retiradas” do Diario de Sesións, documento concibido, cando menos ata agora, para certificar todo canto se di nos debates parlamentarios.

Sen este diario, antes elaborado grazas ao labor das xa desaparecidas taquígrafas e actualmente composto a partir da transcrición de gravacións, sería imposible, por exemplo, coñecer a literalidade dos tensos debates sobre a capitalidade de Galicia ou o xeito en que Mariano Rajoy actuou nos días de tensión pola moción de censura contra o Goberno Albor. Os textos do Diario de Sesións son os que permiten coñecer tamén como, máis recentemente, se desenvolveron os acontecementos cando Manuel Fraga esvaeu en plena tribuna, ou como Alberto Núñez Feijóo ironizaba coa posibilidade de que o presidente Touriño estivese “obsesionado” cun membro do seu Goberno. Moi seguramente, esas recompilacións sustentaron tamén algunha das pesquisas de Rafael López Torre para elaborar o libro oficial sobre o trixésimo aniversario do lexislativo galego.

A consecuencia práctica é un cercenamento dun anaquiño da historia política do país

Dadas as novas restricións, quen no futuro se dirixa ao Diario de Sesións non poderá saber, por exemplo, que integrantes da oposición parlamentaria na novena lexislatura autonómica cualificaron o actual Goberno de “ilexítimo”. Tampouco que representantes do partido que sustenta o Executivo lanzaron definicións de calibre groso sobre o resto de grupos ou que hai quen considera un “corrupto” ao presidente e os recortes, “un saqueo ao pobo galego”.

Alén do grao de acordo, desacordo ou mesmo absoluta contrariedade que as palabras de calquera membro do Parlamento poidan xerar nas forzas políticas, no Goberno, na oposición ou no pobo en xeral, o certo é que todas estas palabras, ben, regular ou malsoantes, dixéronse. Con independencia de que a Presidencia considere que, ante determinadas expresións, é imprescindible apercibir a quen as pronuncie, a única consecuencia práctica do neuralizador parlamentario é un cercenamento dun anaquiño da historia política do país que, se cadra, alguén quere repasar, describir, loubar con adoración ou criticar salvaxemente no futuro.

Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política no Obradoiro de Praza

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.