Dimite o director de Meteogalicia mentres a Xunta lle recorta persoal

Sede de Meteogalicia, durante unha visita escolar © Xunta

O director de Meteogalicia, Vicente Pérez Muñuzuri, dimitará do seu cargo, segundo denuncia a CIG, e debido ao "desmantelamento encuberto" do servizo meteorolóxico galego. O máximo responsable deste ente tería anunciado xa aos traballadores a súa marcha, algo que xa tería comunicado tamén á Xunta, aínda que esta atribúe o feito a o seu interese por volver á docencia. 

A CIG culpa da dimisión ao "desmantelamento encuberto" de Meteogalicia

Nun comunicado, a central nacionalista aclara que o que tamén é subdirector xeral de Meteoroloxía e Investigación da Xunta xa presentou a súa dimisión e que sería efectiva en canto a Consellería de Medio Ambiente atope un substituto.

A CIG relaciona a marcha de Pjérez Muzuzuri á proposta do deparatamento que dirixe Ethel Vázquez para amortizar varios postos de traballo -101 de persoal público, das que dez están ocupadas por persoal laboral indefinido. Segundo o sindicato, isto suporía o despido destes empregados públicos, especialmente en Meteogalicia, xa que a esa subdirección pertencen seis dos afectados -tres de Meteogalicia e tres máis no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia. A Xunta, non obstante, nega que os feitos estean relacionados. 

A central nacionalista ve nesta manobra un intento por empobrecer o servizo de meteoroloxía e seguir as directrices marcadas polo Goberno central, que nun informe propoñía a supresión non só de Meteogalicia, senón tamén do Valedor do Pobo e do Consello de Contas, unha posibilidade que negara a Xunta de Galicia. 

Sede de Meteogalicia, durante unha visita escolar © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.