O PP tenta aplacar a súa marxe dereita cun recorte parcial do dereito ao aborto

Marcha polo dereito ao aborto en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

O vindeiro 14 de marzo os mesmos colectivos antiabortistas que acolleron con entusiasmo a chegada do PP ao Goberno de España axitaranlle as augas preelectorais aos populares manifestándose en Madrid contra o que consideran unha "traizón", a renuncia á contrarreforma da lei do aborto que abandeiraba o ex ministro Ruiz-Gallardón. Apenas cinco meses despois daquela marcha atrás colectivos ultra como o Foro Español de la Familia ou Hazte Oir claman contra o partido no Goberno e popularizan o lema Yo rompo con Rajoy, animando abertamente a non votarlle ao PP. Este é o contexto no que os conservadores veñen de activar pola vía de urxencia a súa contrarreforma do aborto a pequena escala, a que recortará o dereito a interromper voluntariamente o embarazo ás mozas de 16 e 17 anos.

No canto de tramitala directamente dende o Goberno os de Mariano Rajoy evitan desta volta queiar coa reforma ao substituto de Ruiz-Gallardón, Rafael Catalá, ou ao novo ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, e canalizan o recorte de dereitos como proposición de lei do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, vía que ademais evita o trámite previo ante instancias consultivas como o Consello de Estado. Así, este mércores foi o voceiro do partido na Cámara Baixa, Rafael Hernando, o encargado de presentar unha reforma que, asegura, ten o "obxectivo de reforzar a protección das menores" e por iso se dispón a modificar "a chamada Lei Aído", en referencia á antiga titular do desaparecido Ministerio de Igualdade.

A reforma chega en vésperas da manifestación dos antiabortistas contra o PP

Na iniciativa, de apenas seis páxinas, o PP indica que quere que as mozas de 16 e 17 anos conten "nun momento crucial e complicado da súa vida coa asistencia de quen exercen a súa patria potestade" e por iso van suprimir "a posibilidade de que as menores de idade poidan prestar o consentimento por si soas". Esta intención política traducirase na supresión íntegra do punto do artigo 13 da vixente lei do aborto, que estipulaba que "ás mulleres de 16 e 17 anos" lles "corresponde exclusivamente" o "consentimento". Este artigo sinalaba ademais que "cando menos un dos representantes legais" da menor tiñan que "ser informados da decisión da muller", se ben se prescindía desta información "cando a menor alegue fundadamente que isto lle provocará un conflito grave, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos" ou "se produza unha situación de desarraigo ou desamparo".

A lei vixente permite non informar os pais ou titores no caso de risco de violencia, malos tratos ou desamparo

Esta supresión, xunto a unha contrarreforma da lei de autonomía do paciente, conformarán un novo marco de xogo nun ámbito no que, segundo Hernando, o PP quere que "haxa consenso social". "Nunha materia tan delicada coma esta o que buscamos é o maior apoio social" e "creo que hai diputados e deputadas doutras formacións políticas que están de acordo co que hoxe presentamos". A respecto do propio PP o parlamentario xa asegura que "discrepancias non as hai nin as vai haber" nun contexto no que, asegura, esta modificación é "independente" do recurso contra a vixente lei do aborto, que o seu partido mantén vivo no Tribunal Constitucional.

Minoría absoluta de abortos entre os 16 e os 17

Aínda que Goberno e PP teiman en sinalar que esta reforma vén atender unha problemática social que existe o certo é que as interrupcións voluntarias do embarazo entre mulleres de 16 ou 17 anos son absolutamente minoritarias entre o conxunto de abortos que se practican cada ano. Así, por exemplo, atendendo as estatísticas oficiais do Servizo Galego de Saúde no ano 2013 -dato máis recente dispoñible- realizáronse en Galicia 104 abortos a mozas destas idades, un 3% do total. Dende que existen datos as interrupcións da xestación nesta franxa de idade nunca superaron o 7% do total.

En Galicia os abortos de mozas de 16 ou 17 anos son apenas o 3% do total

Isto sucede nun contexto no que, ademais, coa actual lei en vigor practicamente nove de cada dez mozas de entre 16 e 17 anos que tiveron que abortar fixérono informando o seu pai, nai ou representante legal. Tal e como informou Patricia Rafael para Eldiario.es un recente estudo da Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción Voluntaria do Embarazo (ACAI) en apenas un 12% dos casos se alegou un conflito grave ou risco de violencia para que non se producise esa información. "Estes datos demostran que só unha minoría, moi vulnerable, das mozas que abortan non poden informar os pais sobre a súa situación, o que significa que a reforma que quere realizar o Goberno só responde a motivos morais e ideolóxicos e non a unha realidade", di a presidenta desta asociación, Francisca Gallego.

Case o 90% das menores que tiveron que abortan informaron a súa familia

Neste sentido, Gallego advirte de que coa supresión deste dereito os populares van deixar "nunha situación de desamparo a unha serie de mulleres moi vulnerables". "Estas mulleres non acudirán aos xulgadso para pediren o amparo dos xuíces, porque é para elas un mundo alleo e estraño e non confían nel". Así as cousas, aumentarán as posibilidades de que "se sometan a abortos clandestinos, poñendo en perigo a súa saúde", subliñaba.

O ministro de Sanidade, ante Rajoy, o rei e outras autoridades © Casa Real

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.