"Un texto que entre outras cousas deberá recoller a prohibición de doazóns aos partidos por parte de persoas xurídicas". O pasado 27 de xaneiro o presidente da Xunta acudía ao Parlamento para, tras máis de 40 negativas a comparecer por asuntos vinculados á presunta corrupción política, presentar o seu programa "de impulso democrático". Unha das medidas estrela deste plan era a que xa anunciara meses atrás, cando en pleno escándalo pola Operación Zeta o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, se negara selar con el un pacto anticorrupción sen a participación de ningún partido máis. Ese mesmo día os grupos da oposición expresaron as súas dúbidas sobre o encaixe legal dese veto por lei ás achegas das empresas privadas aos partidos e, menos dun mes, despois, a propia Xunta admite que non ten competencias para facelo.
O feito de estar acabado de chegar de Sudamérica e de ter que recibir o presidente de Portugal na Coruña permitiulle a Alberto Núñez Feijóo non presidir o Consello da Xunta que aprobou esta versión minguada da "lei de financiamento de formacións políticas e de fundacións e asociacións vinculadas" e, polo tanto, non ter que explicar ante a prensa o recorte da promesa. Así, foi o vicepresidente, Alfonso Rueda, quen tivo que asumir ante os informadores que para elaborar unha norma destas características "hai que ter en conta o marco legal estatal" e, polo tanto, evidencia, "non podemos prohibir cousas que con carácter xeral están permitidas".
O presidente anunciou a "prohibición" destas doazóns, agora o vicepresidente admite que "non podemos prohibir cousas que están permitidas" na lexislación estatal
Así as cousas, o que ía ser unha prohibición pasa a ser un "requisito para acceder ao financiamento dos orzamentos autonómicos", isto é, fundamentalmente aos fondos que a Xunta pon sobre a mesa para financiar os gastos electorais das campañas dos comicios ao Parlamento de Galicia. "Unha formación política pode optar por recibir" fondos de persoas xurídicas, tal e como estipula a lexislación estatal, pero se o fai "non podería acollerse ao financiamento" que veña das arcas autonómicas. Este condicionamento afectará tamén "ás fundacións e asociacións" vinculadas a cada formación política. O texto que, di Rueda, vén xa co visto e prace do Consello Consultivo, impide tamén as doazóns anónimas aos partidos, achegas que a lexislación estatal xa prohíbe.
Dous millóns de empresas ao PP en tres anos
Este anuncio da Xunta chega mentres a dirección estatal do PP segue atenazada polo caso da súa caixa B -cuxa existencia está certificada, segundo o xuíz Pablo Ruz- e mentres, en Galicia, as investigacións derivadas da trama Zeta e Pokémon seguen poñendo a lupa sobre a procedencia de determinadas achegas ao partido en Galicia. Nomeadamente, a ex contable do principal imputado no caso Zeta, Gerardo Crespo, mantén que o seu antigo xefe preparaba "sobres" que ían "destinados" aos populares na Coruña. Asemade, a xuíza instrutora da Pokémon, Pilar de Lara, ten a lupa posta sobre o financiamento do PP de Ourense nunha investigación que afecta a máis dunha vintena de dirixentes e na que a maxistrada xa dá por "referendada" cando menos parte da facturación presuntamente irregular.
Nas campañas autonómicas galegas as doazóns de empresa privadas son practicamente inexistentes, segundo o Consello de Contas
Mentres o vicepresidente resolve que os dirixentes do seu partido en Ourense "xa deron" as "explicacións" sobre este asunto Rueda, como Feijóo, pon o acento nas devanditas doazóns legais de empresas, as cales, como veu informando este diario, tiveron ao PP como principal beneficiario nos últimos anos. Así, por exemplo, nas últimas eleccións autonómicas PP, PSOE e BNG non anotaron ningunha achega no epígrafe "persoas físicas ou xurídicas" e AGE unicamente indicou 650 euros, segundo o Consello de Contas. Nos anteriores comicios galegos, os de 2009, ningún partido con representación parlamentaria tivo ningunha destas doazóns.
Non obstante, atendendo aos sucesivos informes do Tribunal de Cuentas, en apenas cinco anos as doazóns de persoas xurídicas ao PP suman case 2 millóns de euros, a maioría ingresados no ano electoral de 2011. No caso do PSOE -o Tribunal non detalla os ingresos de cada unha das súas federacións- tivo ingresos procedentes de empresas por importe de 473.000 euros. No resto das principais forzas políticas con implantación en Galicia o BNG non tivo doazón ningunha de empresas neste período e, no caso dos membros de AGE, IU rexistrou 2.000 euros procedentes dunha cooperativa.