Retirada a imputación do alcalde de Vimianzo, o fiscal critica o uso da vía penal en "contendas partidarias"

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo © BNG

Case dous anos despois da frustrada moción de censura en Vimianzo que en marzo de 2013 promoveron sete edís, a historia ten un final que semella definitivo. O Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión determinou o sobresemento provisional das dilixencias por posibles delitos de prevaricación e vulneración de dereitos que pesaban contra o alcalde, Manuel Antelo (BNG), e que derivaban dos recursos presentados polos concelleiros tránsfugas que impulsaran a moción.

A inmediata expulsión do PSdeG-PSOE dos dous edís que apoiaran a operación que buscaba o desaloxo do goberno municipal de Antelo imposibilitou de feito a presentación da moción, pois a Lei Electoral impide dende 2011 que os concelleiros tránsfugas participen nestas operacións. Os 6 edís que apoiaban a moción ficaban en 4, en minoría fronte aos 5 concelleiros de BNG e PSdeG-PSOE. Porén, a historia non rematou aí. Dende o momento do fracaso da moción, os concelleiros censores embarcáronse en varias batallas xudiciais buscando desestabilizar o Goberno municipal, acusando a Antelo, o seu tenente de alcalde Fernando Mancebo e dous funcionarios de realizar unha serie de prácticas ilegais para impedir a presentación da moción antes da devandita expulsión dos edís socialistas. 

O fiscal critica o uso da vía penal polos operadores políticos "como instrumento para dilucidar as súas contendas partidarias, movidos moitas veces por intereses electoralistas ou por conseguir maiores cotas de poder"

O auto que vén de se facer público descarta calquera actuación irregular de Antelo, Mancebo e os funcionarios e bota por terra todo o argumentario sostido nos últimos dous anos polos concelleiros opositores. Porén, os seus efectos van máis aló. Unha vez coñecida a decisión do xuíz, o fiscal Carlos García Pelayo quixo deixar claro na súa resolución que o proceso puxo de manifesto "cuestións que son máis froito da rivalidade ou do enfrontamento político, pero que de ningún modo cabe residencialas no ámbito da xurisdición penal". Critica, ademais, o uso da vía penal polos operadores políticos "como instrumento para dilucidar as súas contendas partidarias, movidos moitas veces por intereses electoralistas ou por conseguir maiores cotas de poder".

Manuel Antelo amosa a súa satisfacción polo auto, polo que deixa de estar imputado e que lle dá a razón por completo. Porén, xunto co "alivio", o rexedor amósase moi crítico coa actitude mantida nos últimos dous anos polos edís impulsores da moción: "Estes señores, como fracasaron na vía política, presentan unha denuncia contra o alcalde. Alguén debería poñer un límite, non é normal que eu tivera que pasar por unha moción de censura e despois por dous anos dunha censura pola vía penal".

Estende a súa crítica a PP, cuxa actuación cualifica como "gravísima": "Non só enganaron o electorado asegurando que expulsaran os edís que apoiaron a moción, cousa que non fixeron, senón que os ampararon en todo momento"

Tamén estende a súa crítica ao Partido Popular, cuxa actuación cualifica como "gravísima". "Non só enganaron o electorado asegurando que expulsaran os edís que apoiaron a moción, cousa que non fixeron, senón que os ampararon en todo momento", di e lembra que "a moción estaba baseada no transfuguismo, unha das manifestacións principais da corrupción política e que deu lugar a un pacto que modificou a Lei Electoral". Antelo cre que Núñez Feijoo "debería destituír os representantes do seu partido en Vimianzo que, traizoando a vontade das persoas que os escolleron, pretendían volver ao sistema político de corrupción que supoñía o proxecto dos censores, un grupo que levaba gobernando o concello durante 25 anos, sendo o Partido Popular o máximo responsable do dano causado á sociedade vimiancesa ao non tomar medidas no seu momento”.

O alcalde maniféstase, a pesar das dificultades, "moi satisfeito" pola xestión realizada nos últimos catro anos "porque comprobei que se pode levar a cabo dende un concello pequeno un proxecto de transformación social da realidade, contando coa veciñanza"

Antelo subliña que con estas acusacións e outras manobras "tentaron desestabilizar o Goberno municipal" e provocar "tensión, confrontación política e desasosego social xunto cunha mala imaxe para o concello de Vimianzo”. Porén, destaca, "a xente estivo aí, estivo apoiándonos". "A pesar de ser un goberno en minoría fomos quen de sumar unha maioría social ao noso proxecto. Houbo plenos con 200 ou 300 persoas", di. O alcalde maniféstase, a pesar das dificultades, "moi satisfeito" pola xestión realizada nos últimos catro anos "porque comprobei que se pode levar a cabo dende un concello pequeno un proxecto de transformación social da realidade, contando coa veciñanza". "Estamos moi contentos de ter promovido un cambio político rela, deixando atrás anos nos que a corrupción era habitual neste Concello", conclúe.

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.