Este venres á tarde correspondería que o Concello de Santiago celebrase o pleno municipal do mes de febreiro. A sesión plenaria non se celebrará na data inicialmente prevista porque, case á mesma hora na que tería que desenvolverse, o alcalde, Agustín Hernández, e demais autoridades estarán nunha rotonda do barrio de San Lázaro. Alí recibirán a ministra de Fomento, Ana Pastor, que protagonizará o inicio simbólico das "obras de ampliación de capacidade da AP-9, uns publicitadísimos traballos que o Ministerio xa anunciara en tempos do socialista José Blanco. Este é o segundo acto do día para Pastor en Galicia e unha máis da en torno a unha ducia de presentacións e inauguracións que o Goberno de España desenvolveu xa en territorio galego no que vai de ano.
No inicio da precampaña municipal o Executivo do Estado e moi especialmente Fomento, encabezado por quen tamén é dirixente do PP galego, multiplican a súa presenza no país para anunciar obras que, nos máis dos casos, non serán unha realidade ata, como moi cedo, a vindeira lexislatura estatal. É o que acontece coa devandita ampliación da AP-9 en Compostela e coa mesma obra na mesma autoestrada pero no seu treito vigués, a cal Pastor presenta tamén este mesmo venres coa súa correspondente convocatoria para a prensa.
Esta visita prodúcese na mesma semana na que o Ministerio publicitou o avance dos traballos en dous treitos da agardadísima autovía Santiago-Lugo e só catro días despois de que a ministra desenvolvese outros dous actos de características semellantes. O 23 de febreiro Pastor tamén acudiu a Galicia por partida dupla: presentou na Coruña o helicóptero que substitúe o antigo Helimer Galicia nos labores de salvamento marítimo e foi a Ferrol para "presentar as instalacións do Porto Exterior". Neste segundo evento o programa de actos incluíu tamén un paseo polo centro ferrolán na compaña de outros cargos populares.
Menos de quince días antes, o 13 febreiro, Pastor estivo tamén en Galicia, neste caso para vender as obras do AVE asistindo ás probas de carga do viaduto do Ulla. "Constitúe a actuación de maior importancia do Eixo Atlántico de Alta Velocidade Ferroviaria", sinalou daquela. A finais de xaneiro a titular de Fomento estivera en Ourense nun foro dedicado sobre transporte ferroviario no que destacou que "no conxunto da lexislatura se investirán 14.245 millóns de euros en alta velocidade, unha cifra que pon de manifesto o compromiso deste Goberno" co AVE galego, afirmou.
Este tipo de actos son legais ata a convocatoria formal das eleccións, a finais de marzo
A case constante presenza de Ana Pastor, que xa se intensificara a finais de 2014 coa sinatura dun convenio para rehabilitar a Praza de Abastos de Cambados ou coa inauguración das obras dun túnel no santiagués barrio de Conxo, veuse combinando nestas semanas con visitas doutros membros do gabinete de Mariano Rajoy. Foi o caso da ministra de Agricultura e Pesca, Isabel García Tejerina, que en tres días de "visita oficial" acudíu á Feira do Cocido de Laliń, reuniuse con armadores do cerco e mesmo tirou unha foto xunto a mariscadoras de Cambados en plena faena. Paralelamente o director xeral da Guardia Civil, Arsenio Fernández de Mesa inaugurou o cuartel do Instituto Armado en Cospeito e, sen a presenza do alto cargo, inaugurouse tamén o cuartel de Palas de Rei.
Este tipo de actos poderán realizarse dentro da legalidade ata finais de marzo. En virtude da reforma da lei electoral vixente dende 2011 dende a convocatoria formal dun proceso electoral, neste caso os comicios municipais, os cargos políticos non poden protagonizar inauguracións ou outros actos que enxalcen os seus propios logros, o que non impide que servizos ou infraestruturas acabadas de rematar poidan entrar en funcionamento.