A Xunta non argumentou nos tribunais contra a contía da indemnización a Pescanova

Contorna de Cabo Touriñán CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Supremo vén de certificar a irregularidade dos permisos concedidos polo Goberno de Manuel Fraga en funcións, no eido urbanístico pola Consellería de Política Territorial que dirixía Alberto Núñez Feijóo e no marítimo, polo departamento de Pesca que encabezaba Enrique López Veiga, para a instalación dunha piscifactoría de Pescanova no espazo protexido de cabo Touriñan. Os principais ecos da sentenza son os vinculados ao millón de euros co que o Goberno galego ten que indemnizar a empresa e a certificación tanto da irregularidade da autorización como da legalidade da paralización, ditaminada polo bipartito en 2006. Así e todo, o Supremo devolve tamén á actualidade o xeito en que a Xunta afrontou o proceso, durante o que non argumentou contra as pretensións da multinacional, segundo a sentenza.

Para fundamentar a súa decisión o relator da sentenza do alto tribunal, Wenceslao Francisco Olea, remítese ao ditaminado en 2012 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Insuíña, a filial de Pescanova, pedía ser compensada con 9 millóns de euros polo veto á súa piscifactoría en Rede Natura e, para "determinar" o importe final, o xulgado designou un perito. O informe pericial que os "gastos de primeiro establecemento" supuxeran case 123.000 euros, "correspondentes a estudos ambientais, topográficos, analíticos das augas, prospeccións arqueolóxicas..."  e as "instalacións técnicas en montaxe" lle custaran 968.000 euros, o que suma o algo máis dun millón de euros finalmente decidido.

A peritaxe "non foi obxecto de desvirtuación" por parte da representación legal da Xunta

Para os maxistrados resulta digno de "significar" que estas conclusións do informe pericial, "apoiadas nas anotacións contables dos libros" da filial de Pescanova e noutra documentación, "non foron obxecto de desvirtuación" por parte da representación legal da Xunta "mediante a presentación ou ofrecemento de proba ningunha ao respecto". Esta ausencia de obxeccións facilitou, polo tanto, que o xulgado dese por boas as cantidades e ditaminase que Pescanova debía recibir 1.091.109'85 euros máis o "importe que xere a aplicación" a esta canitdade "do xuro legal computado" dende abril de 2009 ata a notificación desta sentenza de 2012.

ADEGA: "Os amigos sempre gañan"

O ditame do Tribunal Supremo sobre a autorización irregular a Pescanova en Touriñán e o pagamento ao que agora está definitivamente obrigada a Xunta vén de suscitar a reacción da asociación ecoloxista ADEGA, que ve confirmado que "sexa como for, a patronal acuícola amiga do poder de quenda sempre gaña", xa sexa porque "un goberno amigo lle autoriza piscifactorías ilegais en espazos protexidos" ou porque, en caso de que os seus proxectos sexan anulados xudicial ou politicamente, son compensados economicamente mesmo "sen poñer unha soa pedra das súas instalacións".

A asociación ecoloxista subliña que o Supremo "calca os argumentos" que serviron para anular outra piscifactoría en espazo protexido avalada polo Goberno Fraga, a de Acuinor en Rinlo

Ao colectivo ecoloxista a sentenza sobre Touriñán lémbralle, case literalmente, a anulación doutro proxecto acuícola nun espazo protexido, a planta de rodaballo que impulsaba en Rinlo (Ribadeo) a empresa Acuinor, propiedade dun curmán de Francisco Álvarez-Cascos. "O Supremo -sinalan- calca os argumentos" cos que o Tribunal Superior de Xustiza respondeu en 2012 "á denuncia de ADEGA" para anular a planta de Rinlo. "O permiso dado a ambos proxectos pola Administración Fraga en 2005, na que Feijóo era vicepresidente, foi nulo de pleno dereito dada a inaceptábel afección ambiental", resltan.

Ambas piscifactorías frustradas eran "fillas do plano sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria" aprobado polo gabinete de Fraga en funcións, e os dous "tiñan unha importante afección" sobre hábitats da Rede Natura "considerados prioritarios". "Esta cuestión -rememoran- foi obviada ou directamente falseada polal Xunta nas súas resolucións, como recoñeceu o tribunal". O feito de pasar por riba do carácter protexido das contornas "foi o principal motivo" para a anulación das dúas factorías. O "resultado", lamentan, é que "a ilegal actuación da Xunta do PP" xa lle "custou ao erario" 689.000 euros, no caso de Rinlo, e agora máis dun millón, para compensar a Pescanova por Touriñán. "A cidadanía sempre perde e acaba pagando, literalmente, as ilegalidades da Administración", conclúen.

Hábitats que serían afectados pola piscifactoría de Touriñán CC-BY-SA Adega

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.