Tres entidades denuncian ante a Fiscalía os contratos de Plexus coa Xunta

As denuncias foron presentadas ante a Fiscalía Especial contra la Corrupción © https://detrasdelatoga.wordpress.com

O pasado 25 de febreiro Ciudadanos de Centro Democrático de Galicia, Xuntos por Galicia e a Alianza Anticorrupción presentaron ante a Fiscalía Xeral do Estado e na Fiscalía especial contra a corrupción e a criminalidade organizada unha denuncia por presuntos delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias, adquisición de servizos públicos irregulares, malversación de fondos públicos e financiamento irregular do PPdeG. A denuncia sinala a presunta responsabilidade nestes delitos de altos cargos do Gobenro glego e de organismos públicos dependentes da Xunta, ademais do grupo de empresas privadas que conforman o Grupo Plexus.

Os denunciantes afirman que os cargos públicos e empresarios sinalados "dedícanse a facer negocio propio do que debería ser público, no que uns cantos buscan enriquecerse por medio da súa situación social e privilexiada dos fondos dos contribuíntes"

As tres entidades anunciaron este luns que a súa denuncia foi xa respondida polo fiscal xefe da Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado, José Miguel de la Rosa Cortina, que lle tería remitido o escrito á Fiscalía Provincial da Coruña para abrir dilixencias para a investigación do caso. Os denunciantes afirman que os cargos públicos e empresarios sinalados "dedícanse a facer negocio propio do que debería ser público, no que uns cantos buscan enriquecerse por medio da súa situación social e privilexiada dos fondos dos contribuíntes".

Na documentación entregada á Fiscalía polas entidades denunciantes “detállase con precisión o armazón das empresas privadas e directivos implicados con nomes e apelidos en relación coas xestións de dubidosa credibilidade pola adquisición de contratos de servizos públicos irregulares designados a dedo polos organismos dependentes da Xunta de Galicia, así coma os altos cargos públicos involucrados e responsables das xestións realizadas polos organismos da Xunta en relación directa cos directivos do grupo de empresas privadas, como o é o Grupo Plexus, dentro da rede da trama”.

Acusan a Plexus de "utilizar a información privilexiada recibida para a adquisición dos contratos de servizos dos organismos da Xunta destinados á convocatoria de concursos públicos e facerse así con contratas en vantaxe co resto de empresas privadas"

Acusan a Plexus de "utilizar a información privilexiada recibida para a adquisición dos contratos de servizos dos organismos da Xunta destinados á convocatoria de concursos públicos e facerse así con contratas en vantaxe co resto de empresas privadas". Noutros casos, sinalan, buscan evistar a concorrencia competitiva e pública "facendo de grandes contratos, pequenos, para non estar obrigados a convocar concurso público, e repartirllo así entre as empresas privilexiadas convidadas". "Constituíuse un armazón para poder colocar colegas e familiares seus para dedicarse a explotar e enriquecerse esencialmente do sector público", engaden, sinalando varias persoas na súa acusación: Carlos Hernández Sande, Leoncio Touceda Taboada e, sobre todo, Antonio Agrasar Cascallar, que fora asesor da Xunta nos gobernos de Manuel Fraga.

As empresas do Grupo Plexus teñen recibido nos últimos anos numerosas concesións e contratos do Goberno galego, para funcións tan diversas coma relacións públicas, promocións, hostalaría, catering, comercialización de hidrocarburos, desenvolvemento e mantemento de páxinas web, subministracións de material e asesoramentos varios. Na súa denuncia, estas entidades afirman que en moitas ocasións estes asesoramentos e estudos están "baleiros de contido" e foron "creados ad hoc, algúns sen chegar a realizarse".

Nos últimos anos a actividade do Grupo Plexus e as súas relacións con varias consellarías e organismos da Xunta foi obxecto doutras denuncias

Nos últimos anos a actividade do Grupo Plexus e as súas relacións con varias consellarías e organismos da Xunta foi obxecto doutras denuncias. Por exemplo, en 2010 a CIG foi moi crítica coa contratación pola Consellaría de Traballo e Benestar de 60 traballadores procedentes de Plexus para a realización de xestións informáticas buscando "axilizar" a tramitación da lei de dependencia. O sindicato denunciaba unha "cesión ilegal" de traballadores, que ademais poderían pasar a manexar "datos sensibles" relacionados coa lei de dependencia. Tamén foi moi criticada a adxudicación da elaboración e mantemento da páxina web do Xacobeo 2010, que se publicou antes mesmo da súa adxudicación, unha polémica que chegou ao Parlamento. Ou distintos contratos de xestión de infraestruturas informáticas, como unha rede wifi para centros de ensino (cun valor próximo ao millón de euros).

As denuncias foron presentadas ante a Fiscalía Especial contra la Corrupción © https://detrasdelatoga.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.