Poucos días despois de envialo a tentar reconducir o caos do Concello de Santiago o presidente da Xunta recibiu a Agustín Hernández. O ex conselleiro e novo alcalde de Santiago saíu do despacho presidencial con varias promesas para a cidade que o PP gobernaba con maioría absoluta dende tres anos atrás. A máis publicitada era a posta en marcha do “Bosque de Galicia”, un proxecto aparcado dende 2012 no interior do Plan Estratéxico da Cidade da Cultura e que supón a "creación" por 300.000 euros dun espazo arborado dunha vintena de hectáreas no monte Gaiás, que paradoxalmente perdeu boa parte da súa vexetación para que, precisamente, fose construído o complexo deseñado por Peter Eisenman.
Este martes, xusto tres semanas antes de que entre en vigor a prohibición de realizar inauguracións e demais actos de autobombo pola convocatoria das eleccións municipais, Alberto Núñez Feijóo ascendeu polo Gaiás. Non o fixo para inaugurar o bosque -aínda resta arredor dun milleiro de árbores-, senón para, xunto ao propio Hernández coller un sacho e plantar un bidueiro entre olladas da prensa e recomendacións botánicas do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.
Feijóo plantou a árbore no Gaiás a tres semanas de que os actos de autobombo fiquen prohibidos ata despois das municipais
Tras esta escena tan propia de tempos de campaña no que o presidente eloxiou o que, di, será "o bosque máis importante da Autoestrada do Atlántico", Feijóo deixou nas ladeiras do Gaiás declaracións igualmente electorais. Fíxoo, a preguntas da prensa, para retrucar á oposición, que nos últimos días cuestionou as súas viaxes a Andalucía e Sudamérica para participar en actos enmarcados na campaña electoral andaluza.
Feijóo atribúe á envexa as críticas ás súas viaxes e suxire malversación de fondos públicos en viaxes de presidentes no pasado
Como o seu voceiro no Parlamento, Pedro Puy, Feijóo ve a envexa na orixe destas críticas, nomeadamente nas do socialista José Ramón Gómez Besteiro. “Lamento que haxa líderes en Galicia que non sexan requeridos polos seus partidos en ningún lugar de España, iso non é a miña responsabilidade”, sentenciou. Asemade, Feijóo deixa polo camiño unha acusación máis ou menos velada de posibles malversacións de fondos no pasado: "Os desprazamentos do presidente do PPdeG os financia o PPdeG e non a Xunta, e iso xa era hora de que ocorrese", afirmou sen afondar máis e sen especificar que viaxes partidarias serían, segundo esta aseveración, pagadas con cartos públicos.
Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política no Obradoiro de Praza