"O Goberno galego está a traballar no asentamento dunhas bases sólidas que permitan fortalecer a economía e artellar un modelo produtivo xerador de riqueza e emprego". "Estase a desenvolver unha planificación clara que xira en torno ao impulso das áreas capaces de reactivar e impulsar a economía". "A Xunta está a levar a cabo un esforzo intenso (...) cara a unha industria máis innovadora, máis moderna e preparada". Estas frases poderían formar parte dun discurso público do presidente da Xunta ou dunha comparecencia do conselleiro de Economía para lanzar promesas e obxectivos da súa área, pero non son tal. Son algunhas das liñas inspiradoras que terán que seguir as empresas que queiran optar ao macro contrato publicitario que o Goberno galego pon en marcha e ao que destina ata 2 millóns de euros.
A Consellería de Economía e Industria vén de activar o proceso para contratar un servizo publicitario que, durante uns dous meses en 2015 e outros tantos no 2016, ince os medios de comunicación e os valados publicitarios do país e doutros puntos do Estado de mensaxes favorables e máis ou menos alegóricas a respecto da súa política. A súa intención, di o Executivo nos pregos de condicións da campaña, é "sensibilizar a poboación sobre os valores de Galicia como unha terra solvente para o desenvolvemento de proxectos e investimentos que a levarán cara ao crecemento e a xeración de emprego".
A campaña terá que basearse en que "o Goberno galego está a traballar no asentamento dunhas bases sólidas" para "fortalecer a economía"
Menos dun mes despois de que o Grupo Popular no Parlamento retase a oposición a atopar unha soa campaña destinada a "destacar logros" da Xunta a Consellería indica que con estes anuncios trata de "destacar que para que Galicia progrese e medre, é necesario reinventar a nosa industria" para tornala nunha "industria galega 4.0". Neste sentido, resalta, "a campaña deberá reflectir que a Xunta quere acompañar as empresas na mellora dos seus procesos, no impulso da innovación, na súa aposta polas tecnoloxías facilitadoras", asi'çomo "promover a hibridación de sectores para achegar valor engadido aos procesos e produtos e impulsar a competitividade".
Os anuncios difundiranse dous meses en 2015 e outros tantos en 2016
Sobre esta filosofía o departamento autonómico formalizará dous contratos: un no que gastará ata 70.000 euros para pagar a creatividade e produción dos anuncios. O segundo, de 1,93 millóns, financiará a "estratexia de medios e difusión da campaña", isto é a "estratexia, investigación, planificación, xustificación e avaliación da campaña de medios" e a "adquisición de espazos publicitarios en todos os medios e soportes que se determinen". Eses medios e soportes serán a televisión en Galicia, xornais impresos en Galicia e noutros puntos do Estado, "revistas especializadas" en "economía e empresa" de fóra de Galicia, radios que emitan no país, "diarios on line" e valados e paneis publicitarios nas rúas.
Máis de cinco millóns en publicidade
Nos últimos anos a Consellería desenvolveu cinco campañas para, por exemplo, promocionar o "optimismo" ante a crise
Esta campaña é a quinta que a Consellería de Economía e Industria realiza dende o ano 2011 co obxectivo de promocionar a súa propia política económica e industrial. Así, en 2011 o departamento daquela dirixido por Javier Guerra destinou algo máis de medio millón de euros a unha acción publicitaria que pretendía estender aplicar ás accións do gabinete de Alberto Núñez Feijóo a marca 'Galicia Calidade', daquela limitada á certificación de produtos e servizos de orixe galega. No ano electoral de 2012 o gasto ascendeu ata o millón de euros para unha campaña que tiña como obxectivo publicitar o "optimismo" fronte á crise.
Xa na actual lexislatura o novo conselleiro, Francisco Conde, seguiu a liña do seu antecesor e achegou en 2013 algo máis de medio millón para pagar unha campaña sobre a "confianza" na saída da crise e ""sumar os galegos ao modelo económico que está a impulsar" o Goberno. No verán de 2014 culminou a contratación dunha acción publicitaria máis, nesta ocasión por máis dun millón de euros, de novo coa intención de ligar a marca "Galicia Calidade" ao propósito gobernamental de "traballar no asentamento dunhas bases sólidas que permitan fortalecer a economía e artellar un modelo produtivo xerador de riqueza e emprego".