A esixencia de seguridade na A-8 irrompe no maratón preelectoral de Fomento e a Xunta

Feijóo, Pastor e outros cargos, na inauguración da rolda coruñesa © Ana Varela

Restan pouco máis de dúas semanas para a convocatoria oficial das eleccións municipais e, polo tanto, para que as inauguracións e demais actos de autobombo fiquen prohibidas. Aínda que o único efecto real de transgredir esa norma adoita ser un apercibimento da Xunta Electoral sen maiores consecuencias os diferentes gobernos protagonizan estes días un verdadeiro maratón deste tipo de eventos. Unha das máis activas é a ministra de Fomento, Ana Pastor, que de comezos de ano multiplica a súa presenza en Galicia para cortar cintas e prometer toda caste de investimentos. Este sábado foi outra desas xornadas cunha soa nota discordante na sinfonía preelectoral oficial: o alcalde de Mondoñedo, Orlando González (BNG), decidiu aproveitar os focos para esixir seguridade na autovía A-8 ao seu paso pola provincia de Lugo.

A reclamación de máis medidas de seguridade na novísima A-8, a Transcantábrica, é unha constante en varios concellos lucenses dende que o pasado verán a mesta néboa provocou un accidente múltiple á altura de Abadín no que morreu unha persoa, con outras 50 feridas e arredor de medio cento de coches implicados. Dende aquela o Ministerio dá en cortar a autovía na zona cada vez que baixa a néboa e tanto os gobernos locais como a Deputación provincial, así como o BNG no Congreso, esixen alternativas como a construción dun falso túnel, entre outras.

O alcalde de Mondoñedo aproveitou a sinatura dun convenio co Ministerio para pedir seguridade no treito no que se produciu o accidente múltiple

Dado o escaso retorno obtido ata o momento Orlando González aproveitou a súa presenza nunha das citas organizadas por Fomento este sábado en Galicia para amosar graficamente a petición. Foi, nomeadamente, no acto convocado no salón nobre do compostelán Pazo de Raxoi para, no espazo no que a Presidencia da Xunta celebra os seus actos solemnes, escenificar a sinatura de convenios para rehabilitar unhas 450 vivendas nunha vintena de concellos. Cando chegou a súa quenda González sentou ao carón da ministra Pastor e mais do presidente da Xunta e amosou un cartaz con imaxes do accidente e a lenda Para que non se repita, nun xesto que provocou visible malestar nos mandatarios conservadores, tal e como é posible observar na imaxe publicada por El Progreso.

Inauguración de precampaña na Coruña tras oito anos de obras

Pastor e Feijóo expresaron a súa "aposta" pola rehabilitación de vivendas en Compostela pouco despois de protagonizaren na Coruña a inauguración da terceira rolda da cidade, unha obra que en execución dende hai máis de oito anos e que xa pasou por dous gobernos galegos e outros tantos municipais e do Estado. Aínda que non está completamente rematada -o paso elevado sobre a avenida de San Cristovo que conectará Elviña co Birloque entrará en servizo dentro dunhas semanas- a premura das restricións electorais provocou que o desembarco de autoridades se producise este sábado.

Feijóo: "Poderase ir dende Madrid ata Riazor sen pasar por ningún semáforo"

A apertura do treito da autovía AC-14 entre As Lonzas e A Zapateira e tamén do último treito de competencia autonómica do vial V-14 supón, na práctica, unha notable desconxestión no tráfico de acceso á Coruña. Neste contexto, Pastor aproveitou para adxudicarlle ao PP o mérito case total da construción, toda vez que "cando cheguei ao Goberno non estaba executado nin o 8% da obra", asegura, ademais de augurar un gran "retorno económico" e mesmo "social" da infraestrutura. Feijóo, pola súa banda, optou por un ton máis metafórico para proclamar que de agora en diante "poderase ir dende Madrid ata Riazor sen pasar por ningún semáforo".

Tras o maratón de inauguracións matinais a axenda oficial pero con ton preelectoral do titular do Goberno galego continúa na tarde e no serán deste sábado, xa en solitario. Así, vinte e catro horas despois de inaugurar a casa da cultura de Cee Feijóo fai o propio xunto a outros membros do Goberno coas "actuacións de rehabilitación efectuadas na igrexa e nos postos comerciais de Santo André de Teixido", segundo informa o seu gabinete. Xa ás oito do serán o presidente desprázase a Ferrol para asistir ao pregón da Semana Santa na concatedral da cidade.

Vista parcial do accidente na A-8 en Abadín, o pasado xullo © A3Galicia
O alcalde mindoniense, asinando o convenio © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.