A finais de xaneiro de 2002, no inicio do que sería a derradeira lexislatura con Manuel Fraga na Presidencia da Xunta, o PP deu en abrir un chisco a man e permitiu instaurar no Parlamento o que xa era costume asentado noutros ámbitos: as preguntas ao presidente. Mediante a aprobación dunhas normas supletorias a Mesa do Parlamento, órgano reitor da Cámara, ampliou o alcance do Regulamento parlamentario e estableceu que "unha vez ao mes" Fraga se sometería ao control parlamentario mediante preguntas dos grupos. Aquela innovación tornou en procedemento asentado e nunca fora recortado ata este 2015, cando a actual Mesa do Parlamento, dirixida como daquela polo PP, vén de dar en restrinxir esta quenda de preguntas, tendo como primeiro damnificado ao BNG.
A primeira modificación aplicada á devandita normativa de 2002 realizouse a finais de agosto de 2005. Nunha das primeiras decisións da nova maioría parlamentaria de PSdeG e Bloque aprobouse unha nova versión das normas co obxectivo de adaptalas ao "compromiso adquirido ante a Cámara polo presidente da Xunta", Emilio Pérez Touriño, "e a súa manifesta vontade de comparecer en todos os plenos ordinarios". Así, onde nos tempos de Fraga figuraba que o titular da Xunta contestaría "una vez ao mes", pasou a figurar que o faría "en cada pleno". O resto da regulamentación seguiu igual, incluído o punto no que se indicaba que "o número de preguntas dirixidas ao presidente (...) será dunha por grupo parlamentario".
As preguntas ao presidente reguláronse por primeira vez en tempos de Fraga e ata agora sempre correspondía "unha por grupo parlamentario"
Tras a vitoria por maioría absoluta do PP en marzo de 2009 o propio Alberto Núñez Feijóo aclarou que respondería á oposición en cada pleno. A norma continuou como estaba, se ben os populares renunciaron a formular unha pregunta ao seu xefe de filas, como si facía o PSdeG o PSdeG con Touriño. Deste xeito, na primeira lexislatura con Feijóo no poder o presidente respondeu en cada pleno a PSdeG e BNG e, no inicio da segunda, fixo o propio con PSdeG, AGE e BNG. Isto seguiu sendo así tamén cando a deputada Carmen Iglesias abandonou o grupo de Alternativa con rumbo ao Mixto, momento no que se decidiu que lle podería formular unha pregunta a Feijóo en cada período de sesións, isto é, dúas ao ano.
A normativa que pervivía dende tempos de Fraga foi mudada o pasado 3 de febreiro. Aproveitando unha nova marcha de AGE con rumbo ao Grupo Mixto, a de Consuelo Martínez, a presidenta da Cámara puxo sobre a mesa un novo reparto de iniciativas entre os grupos que recortaba o cupo dos de Beiras pero tamén o do Bloque, aínda que o seu número de escanos segue sendo o mesmo, e que tiña como principal novidade a limitación das preguntas ao presidente. Así, AGE e BNG perdían o dereito a formularlle unha cuestión a Feijóo en cada período de sesións. Aínda que non se anunciou explicitamente, ese recorte plasmouse na modificación formal do acordo de 2005. O texto agora vixente indica que "o número de preguntas dirixidas ao presidente ou presidenta da Xunta (...) será de tres", impedindo así por primeira vez que toda a oposición poida preguntar e eliminando en cada período de sesións unha pregunta do BNG e outra, de AGE.
Feijóo líbrase de responder sobre imputacións
Este é o contexto no que se chegou á Xunta de Portavoces convocada do pasado martes. Aínda que o PP amosara a súa disposición a reconsiderar o novo reparto, o certo é que a nova norma xa rexe e comezou a ser aplicada, impedindo que o BNG formule a súa pregunta ao presidente no vindeiro pleno, que ía ser sobre a presenza de persoas imputadas nas listas electorais. Para o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, este "veto" responde á "intención de taparlle a boca ao BNG para que Feijóo non teña que responder" sobre os "imputados pola comisión de presuntos delitos de corrupción" que integran as listas municipais populares. Neste contexto, anunciou Jorquera, o Bloque presentará un recurso contra esta decisón e, de non ser atendido, recorrerá ao Tribunal Constitucional "por considerar que se están a vulnerar os dereitos dos deputados e deputadas para desenvolver o seu labor na Cámara galega.
O PP acusa o BNG de "vitimismo", como a pasada semana fixera xa a Presidencia do Parlamento nun inédito comunicado oficial
Versión ben distinta é a que ofrece o voceiro do PP, Pedro Puy, quen acusa o BNG de "rexeitar todas as propostas que se lle formularon sobre a redistribución de iniciativas". "Ofrecémoslles modificar o acordo" para que "o presidente respondese en cada pleno a unha pregunta de cada grupo dos presentes ao inicio da lexislatura, máis ás que lle corresponderían ao Grupo Mixto" pero "foi rexeitada -censura- coa nova escusa de que os nacionalistas perdían outras iniciativas parlamentarias", algo que, efectivamente, sucede. Así as cousas, Puy conclúe que o "único obxectivo" do BNG é "aparecer como vítimas desta decisión", unha acusación case idéntica á lanzada a pasada semana pola Presidencia do Parlamento que, nun inédito comunicado oficial, atribuíu as protestas do Bloque pola expulsión da deputada Carme Adán do pleno a unha "estratexia deliberada" de "ensaiado e buscado vitimismo".