Non se desprende "ilícito penal ningún". É o que considerou a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na investigación sobre a deputada, ex voceira e ex concelleira do PP en Santiago Paula Prado. O Ministerio Público vén de lle propoñer ao maxistrado que instrúe a causa proceder á súa "conclusión sen procesamento" por non "resultar debidamente xustificada a comisión de delitos", segundo informa o alto tribunal galego.
Dada a condición de aforada de Prado a peza do caso Pokémon relativa á conservadora foi remitida dende os xulgados de Lugo ata o TSXG, que no outono de 2014 comezou unha instrución baseada, esencialmente, nas escoitas telefónicas do Servizo de Vixilancia Aduaneira. Os informes deste corpo, que a xuíza Pilar de Lara emprega como policía xudicial, daban por "corroborado" que Prado tramitara na súa etapa como concelleira do goberno de Gerardo Conde Roa unha factura "inflada" dun espectáculo infantil, que "pasaría de 6.090 a 11.210 euros". Segundo os axentes, a daquela edil era "sabedora do feito de que estaba a factura inchada" e de que eses 3.000 euros os ía "gozar" o empresario que promovía o espectáculo, tamén imputado na Pokémon.
Este foi o contexto no que os maxistrados do TSXG apreciaron "incidiariamente" a comisión dun posible delito. Asemade, observaban unha presunta "influencia" da ex número tres de Feijóo na "contratación de persoas en empresas concesionarias" do consistorio compostelán, no que, como concelleira, Prado dirixiu a Axencia Local de Colocación. Nomeadamente, as indagacións centrábanse nas conversas telefónicas de Prado co antigo xefe de gabinete de Conde Roa, Ángel Espadas, tamén imputado na causa. Segundo os investigadores, Prado "intercambiou" con Espadas "o nome de persoas recomendadas para contratalas", concretamente, "nunhas gardarías" xestionadas por unha filial de Véndex.
A investigación iniciouse porque os investigadores viron "corroborado" que Prado era "sabedora" dunha factura inchada no Concello de Santiago
Con estes datos sobre a mesa o TSXG instrutor da causa practicou "cantas dilixencais estimou útiles e necesarias para a determinación dos feitos". Segundo indica no auto que agora dita o Fiscal "analizou ao pormenor dende a perspectiva da lei e da xurisprudencia o delito de tráfico de influencias para descartalo, en concreto ao relativo ao espectáculo da Abeja Maya", así como no que atinxe ao expediente sobre ruídos nun local de concertos da cidade e sobre as "contratacións de persoal efectuadas por Sermasa", a devandita filial de Véndex. "O xuíz -indica o Tribunal nun comunicado- estima que procede declarar concluso o sumario ao esgotarse a instrución sen que resulte debidamente xustificada a comisión de delito" por parte da deputada.
Prado felicítase porque "reamta" a causa "inxustamente iniciada contra min"
Así as cousas, o caso volve agora á Sala do TSXG do que partiu, na que os seus tres maxistrados deberán "confirmar ou revogar" o auto do xuíz. Se o confirman, as partes terán que pronunciarse sobre se procede abrir xuízo oral ou decretar o arquivo, circunstancia que se dará se "non hai parte acusadora". Malia restar estes trámites Prado amosa xa a súa satisfacción" porque "sempre actuou conforme á lei" e considera ademais que a causa que agora "remata" foi "inxustamente iniciada contra min".