O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acolleuse este mércores ao seu dereito a non declarar no xuízo que o investiga a el, á súa dona e o deputado provincial popular Severino Reguera por un presunto delito de suborno. O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados decidiu, en consecuencia, que os tres seguisen imputados na causa.
O presidente da Deputación tería recibido 15 euros por metro cadrado, cando un informe da Garda Civil sitúa os prezos medios na zona naquel tempo en 7 euros o metro cadrado
Segundo o fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, en 2008 Severino Reguera (tamén concelleiro en Pazos de Borbén) alugou tres baixos comerciais propiedade de Louzán na zona de Navia, en Vigo. Porén, fíxoo pagando un prezo moi superior ás cifras normais do mercado. O presidente da Deputación tería recibido 15 euros por metro cadrado, cando un informe da Garda Civil sitúa os prezos medios na zona naquel tempo en 7 euros o metro cadrado. Atendendo o citado informe, Louzán tería recibido nestes oito anos máis de 50.000 euros a maiores do aluguer, sen xustificar. Santaló sospeita que detrás deste sobreprezo e destes pagamentos agóchase a compensación por algún favor exercido dende os cargos que ostenta Louzán.
"Ningunha das decisións que eu tomei na Deputación teñen relación con este caso", asegurou Louzán, negando que "xestionara algunha cousa para favorecer a esta persoa"
Tanto Louzán, coma a súa dona coma Reguera negáronse a declarar no Xulgado, onde chegou ao redor das cinco da tarde. Porén, o presidente da Deputación si realizou declaracións ante os medios de comunicación que agardaban por el en Cambados. Á saída do tribunal, pasadas as oito, Louzán asegurou que non declarara porque se fixera tarde. Con visible cansanzo e algo nervioso, defendeu a súa inocencia e o seu "bo proceder", sinalando que se trataba sun "asunto privado". "Ningunha das decisións que eu tomei na Deputación teñen relación con este caso", asegurou, negando que "xestionara algunha cousa para favorecer a esta persoa".
O proceso continuará. O fiscal de delitos económicos solicitou a certificación das retribucións de Reguera e a xustificación da orixe dos cartos que achegou como sinal no precontrato dos locais, máis de cen mil euros.
O fiscal de delitos económicos solicitou a certificación das retribucións de Reguera e a xustificación da orixe dos cartos que achegou como sinal no precontrato dos locais, máis de cen mil euros
O fiscal abrira a investigación en novembro de 2013 despois de recibir unha comunicación anónima na que se denunciaban os presuntos sobreprezos dos locais situados na rúa Teixugueiras en Vigo. Louzán desmentiu en varias ocasións a existencia de sobreprezo, alegando que a cantidade do aluguer foi marcada por unha xestoría. O Xulgado de Cambados acordou en febreiro incoar procedimento contra Louzán, desestimando a solicitude de arquivo, presentada polos imputados. Segundo o tribunal, "o resultado das dilixencias de investigación realizadas permiten soster que os feitos investigados poderían dar lugar a un delito de suborno impropio no caso do deputado e un delito continuado de suborno no do presidente da Deputación e a súa dona".