A teimosía da Conselleira de Sanidade forza o PP de Lugo a mudar o guión no alargadísimo conflito aberto pola falta de servizos no Hospital Lucus Augusti e, máis concretamente, pola negativa a abrir as 24 horas a sala de hemodinámica, que atende os infartos. Despois de que Rocío Mosquera obviase as resolucións parlamentarias e non agardase a voz dos expertos para sentenciar que esta unidade seguirá funcionando só en horario de oficina e tras o ofrecemento da Deputación provincial para financiar a apertura completa -o custe estimado é duns 100.000 euros ao ano- o presidente dos populares lucenses, José Manuel Barreiro, pasa ao ataque contra o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, nun asunto que está a ser a principal fonte de erosión do partido da dereita na cidade de Lugo e en boa parte da súa provincia.
No marco da rolda de prensa xunto ao seu candidato á alcaldía lucense, Jaime Castiñeira, para asegurar que teñen o apoio do Goberno central para converter o antigo hospital da cidade nunha comisaría -proposta xa formulada na campaña electoral de 2011-, Barreiro, como Feijóo, desdeñou a iniciativa de Besteiro, a "típica proposta besteiriana" que, acusa, nunca se formularía "se non houbese eleccións". Reducir este asunto a "unha cuestión económica é un atentado á intelixencia", sentencia Barreiro, quen poucas semanas despois de asegurar que a actitude da conselleira de Sanidade "non lle gusta" agora advirte de que "non vai xogar coa saúde da xente para conseguir un voto".
Barreiro desdeña o ofrecemento da Deputación para financiar a apertura da hemodinámica 24 horas
Mentres os populares mudan o argumentario e mentres na cidade se prepara un debate público con expertos en hemodinámica que caldeará aínda máis o ambiente dende a Deputación provincial óllase de novo directamente a Feijóo. Despois de que o presidente da Xunta negase que na provincia de Pontevedra se atendan os infartos as 24 horas do día -faise en Vigo- a vicepresidenta da institución, Lara Méndez, lamentou xunto ao alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, que o presidente "volva mentir aos galegos e aos lucenses".
Lara Méndez: "Quérenos condenar a morrer"
"Quérenos condenar a morrer", acusa Méndez, quen insta a Feijóo a comparar o tempo que leva o desprazamento de Pontevedra a Vigo co que "lle leva a un veciño de Mondoñedo ou Sober" chegar á Coruña, que é onde son atendidos os infartados lucenses fóra de horas de oficina. A propia Sociedade Española e Cardioloxía, resalta a socialista, reiterou este mesmo xoves precisamente en Vigo "que atender un infarto nas dúas primeiras horas é vital para o paciente". "Parece mentira que Feijóo, que foi presidente do Insalud, non saiba isto", reprocha.
Vence insta a Feijóo a facer "a ruta do cancro"
Vence e outros representantes do BNG co paciente, Luís González, ás sete e media da mañá en Monterroso
Mentres continúa a vertente do conflito vinculada á hemodinámica tamén o fai a derivada de que o HULA siga sen contar co servizo de Radioterapia. Esta ausencia foi a que denunciou este venres o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, nunha nova edición do que se deu en chamar a "ruta do cancro", na que por convite da Federación Veciñal lucense acompañou un doente oncolóxico no seu traslado ata A Coruña. Xunto a outros representantes do Bloque acompañou no seu traslado a Luís González, un monterrosino que se ve obrigado a se erguer ás seis da mañá para ser desprazado a Lugo e, dende alí, ao Centro Oncolóxico coruñés para ser tratado. Recibir un tratamento de dez minutos diarios durante un mes implica percorrer entre 12.000 e 14.000 quilómetros, expresa o propio paciente.
O portavoz nacional do Bloque acompañou un doente de Monterroso que é trasladado a diario á Coruña
A xuízo de Vence resulta "inhumano" que os pacientes sexan "sometidos" a este "periplo" e por iso, di, "recoméndolle moito ao presidente da Xunta que faga este percorrido con algún dos enfermos", respondendo así un convite que tamén lle foi formulado. "Isto -asegura- permitiríalle decatarse de ata que punto está castigando os doentes por non cumprir a súa promesa de completar o hospital de Lugo co servizo de radioterapia". "Impáctame -di o nacionalista- que estando enfermo de cancro" o paciente "teña que erguerse ás seis da mañá" e percorrer, entre ida e volta, 400 quilómetros por xornada.