"Era mellor que estivese calada". Quen fala é Fernando Pensado, médico de profesión e deputado provincial do PP en Lugo ao que este luns lle correspondeu de novo o difícil papel de representar o seu partido no enésimo debate a respecto da falta de servizos no Hospital Lucus Augusti. A súa recomendación de silencio diríxese á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén do PP, cuxa teimosía está a ser unha das principais fontes de erosión para os populares lucenses, que este martes se viron obrigados de novo a navegar entre a defensa da política da Xunta e a promesa de garantir as prestacións hospitalarias. O que desta volta estaba sobre a mesa era a proposta do presidente, José Ramón Gómez Besteiro, para que a Deputación lle entregue á Xunta os fondos que permitan abrir as 24 horas o servizo de hemodinámica, iniciativa que saíu adiante, cos votos do goberno e o rexeitamento do PP.
"Antepuxeron os intereses partidarios e a defensa da conselleira da morte", pero "hoxe teñen unha nova oportunidade de rectificar este agravio", retou o voceiro do PSdeG e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. Ao seren "colaboradores necesarios nesta afrenta a Lugo están a converterse nos deputados da morte", acusou. Por iso, di, deberían "aproveitar a semana de paixón para acabar co via crucis dos cidadáns desta provincia". "Non sexan os Poncio Pilato do século XXI", instou, toda vez que agora "teñen aquí os cartos, fágano", en referencia á apertura inmediata dun servizo que actualmente só atende en horas de oficina.
O PP cre que sería "mellor" que a conselleira de Sanidade "estivese calada"
Despois de que a proposta recibise o apoio do BNG, que por boca de Mario Outeiro se preguntou "cantos lucenses máis teñen que morrer" para que os populares "abran os ollos", chegou a quenda de Pensado. Para o voceiro do PP que "a excelentísima conselleira de Sanidade" anunciase o pasado febreiro "que Lugo non ía contar cun servizo de hemodinámica 24 horas, porque segundo ela non cumpría os parámetros" foi "un erro grave que non se debe corresponder coa realidade". De aí que preferise que a alto cargo calase antes que caer nun "desprezo ao acordo parlamentario" que indica que, en última instancia, será "un comité científico" o que ditamine se a apertura continua corresponde ou non.
Besteiro trasladaralle o acordo a Feijóo "para que non perda un segundo"
Malia á pouco habitual crítica entre compañeiros de filas Pensado presenta o PP, no entanto, como "garante de que Lugo teña hemodinámica as 24 horas". Tamén de que "medicina nuclear e radioterapia", prometidas por Feijóo para o segundo semestre de 2011, "estean funcionando antes do 31 de decembro" de 2015, toda vez que a súa compra vai ser adxudicada este mércores, promete. "Fume e tinta de lura", retrucou Martínez, quen lamenta que o PP só critique a conselleira por "dicir o que pensaba". "Tiña que telo feito de pensamento, na intimidade do PP, e non pasaría nada". "Ese é o seu cinismo", lamenta.
Tras unha segunda quenda na que o popular optou por realizar unha crítica xeral á política da Deputación en ámbitos como as estradas pediu a palabra o presidente da corporación. A decisión de poñer a disposición os fondos, estimados nuns 100.000 euros, podería adoptarse sen pasar polo pleno, asegura Besteiro, pero "o presidente quería escoitar o pleno" e, ao tempo, que "todos nos retratásemos". "Se mañá a Xunta o soluciona, todos felices", di Besteiro, en cuxa opinión non cabe "alegar cuestións técnicas" para manter a hemodinámica a funcionar só de 8 a 3. Agora, subliña, "non hai ningún problema económico" e por iso a proposta aprobada lle vai ser "inmediatamente comunicada á Presidencia da Xunta, para que non perda un segundo".
O pleno aprobou a modificación orzamentaria que deixa a débeda da institución a "cero"
Antes de abordar a cuestión sanitaria o pleno lucense aprobou a modificación orzamentaria que, segundo o goberno da entidade, reduce a "cero" a súa débeda. "O que se fai é cancelar a débeda da Deputación", di Besteiro, que contrapón esta cancelación cos "120 millóns" de endebedamento "cos que nos atopamos no 2007". O PP, lembra, "dicía que iamos deixar a Deputación endebedada, pero cóllese antes un mentireiro ca un coxo". "As verdades -afirma- son así" e por iso "cada deputado terá un certificado oficial que sinalará que esta institución xa non ten débeda".