O Consello da Xunta (non) aproba a radioterapia para Lugo

Treito do comunicado difundido pola Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O pasado martes o pleno da Deputación de Lugo aprobou unha moción impulsada polo seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, para ofrecerlle á Xunta o financiamento necesario para a apertura as 24 horas do servizo de hemodinámica do Hospital Lucus Augusti, a unidade que atende infartos e que actualmente funciona só en horas de oficina. A proposta, subliñou Besteiro na sesión, pretendía "retratar" o PP no enésimo capítulo deste conflito sanitario e amosar, sinalaron os socialistas, que a cuestión é máis de "vontade política" que de "cartos". Apenas vinte e catro horas despois foi Alberto Núñez Feijóo quen, dende o Consello da Xunta, moveu peza nesta eterna partida de xadrez a medio camiño entre o político e sanitario. Os populares fixeran transcender que o Goberno galego aprobaría na súa reunión deste xoves outro dos servizos pendentes do HULA, a radioterapia. Así se presentou, aínda que, en rigor, non foi isto o que aconteceu.

Na documentación sobre o Consello que a Xunta remite á prensa incluíuse un comunicado no que se informa de que "o Goberno galego, na súa reunión semanal do Consello, deu luz hoxe luz verde á decisión de reforzar a modernización tecnolóxica do Servizo Galego de Saúde, coa renovación de 10 aceleradores liñais nos hospitais públicos", un deles, o destinado a Lugo. O certo é que o Consello da Xunta non é o órgano competente para tomar esta decisión e sobre a súa mesa estivo só un informe sobre este asunto, un documento sen valor xurídico ningún frecuentemente utilizado polo Executivo para colocar na axenda política e mediática asuntos que considera convenientes.

O Goberno anuncia que o Consello lle "deu luz verde" á decisión, aínda que o que aconteceu foi un trámite máis da contratación que se tramita dende hai dous anos

Como vén admitir o propio Executivo un chisco máis adiante no mesmo documento é unha mesa de contratación formada por persoal técnico a que ten que dar este paso e calquera outro relativo á compra desta maquinaria. O que aconteceu foi, concretamente, é que esta mesa considera que unha das empresas que se presentou ao "diálogo competitivo" convocado polo Sergas, Varian Medical Systems, presentou "a oferta máis vantaxosa". A compañía terá que presentar en 10 días os documentos pertinentes para poder proceder á adxudicación. Culminará así un dos lotes deste macrocontrato de tecnoloxía sanitaria que a Xunta tramita dende setembro de 2013 e que implicará que, no mellor dos casos, o servizo de radioterapia chegará ao HULA máis de catro anos despois do prometido polo propio presidente no acto de inauguración do hospital, en febreiro de 2011.

Sen mencionala, esa demora de catro anos foi admitida implicitamente por Feijóo na súa comparecencia ante a prensa, toda vez que indicou que está previsto instalar o novo equipamento "ao longo do ano 2015". Mentres en Lugo arrecian as críticas tanto pola tardanza en instalar os servizos como polo xeito en que a Consellería de Sanidade está a xestionar o conflito, ata o punto de que o PP lucense chegou a sinalar en público que a conselleira, Rocío Mosquera, estaría "mellor calada", Feijóo amosa a súa "alegría" por que "un edificio que atopamos baleiro sexa hoxe un hospital plenamente equipado". "Atopámonos coa única provincia sen medicina nuclear e radioterapia e Lugo terá este ano ambos os dous servizos", "atopamos a única provincia sen servizo de hemodinámica e hoxe hai servizo de hemodinámica", di.

Un "debate horario"

A respecto da hemodinámica, precisamente, Feijóo aproveita unha pregunta a respecto da política de comunicación do seu partido para reflexionar que "se explicásemos mellor as cousas" non existiría o que dine como "debate horario" a respecto da atención dos infartos no HULA. "Este Goberno -proclama- é culpable de poñer un servizo de hemodinámica en Lugo" e "vai ser culpable de que haxa por fin radioterapia en Lugo, que o Goberno anterior negou". O bipartito, acusa, "nin sequera tivo a posibilidade de dedicar" recursos "para comprar os colchóns do hospital de Lugo, deixouno baleiro".

Feijóo, a Besteiro: "Alá 'quenes' crean que unha sala de hemodinámica é o mesmo que unha sala de recría de gando, non é o meu problema"

Despois de que Besteiro citase, no pleno en que se deu luz verde á proposta sobre a hemodinámica, varios "investimentos" da Deputación lucense como un centro de recría de gando como mostra da súa xestión, o presidente da Xunta aferrouse a estas declaracións para asegurar que a súa "dedicación anterior" como xerente do Sergas con Fraga e como presidente do INSALUD con Aznar "me impide facer demagoxia cos pacientes". "Alá quenes crean que unha sala de hemodinámica é o mesmo que unha sala de recría de gando, non é o meu problema, eu non vou facer demagoxia", conclúe.

Besteiro: "É unha cuestión de humanidade"

Mentres, nun acto de partido en Ferrol, o líder do PSdeG volveu instar o titular da Xunta a "rectificar". "Coa saúde das persoas non se xoga", di Besteiro, quen agarda que o Goberno "tarde pouco en rectificar" e acepte o financiamento que ofrece a Deputación de Lugo. "A proposta non é electoralista" e o seu "contido económico é escaso", uns 100.000 euros ao ano. É, en última instancia, di, "un tema de xustiza social e de saúde pública", por iso agarda que Feijóo "poña en marcha ese servizo as 24 horas", porque "o necesitan os cidadáns" e "por cuestións de humanidade".

Feijóo, tras o Consello deste mércores © Xoán Crespo
Besteiro, este mércores reunido en Ferrol co sector naval CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.