Ourense en Común esgarece tras a marcha agora de Anova

Asemblea de Ourense en Común © Ourense en Común

Ourense en Común segue esfarelándose. As polémicas eleccións primarias van camiño de esgarecer a plataforma cidadá que acadara unha importante confluencia de movementos sociais e formacións políticas na cidade. Aquela votación interna, que acabou coa vitoria de Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia,  fora invalidada pola asemblea do proxecto, que a considerou un proceso "ilexítimo" entre acusacións de "carretaxe" centradas na formación galeguista pero tamén noutros grupos. Podemos abandonou o barco ao non asegurarse unhas primarias totalmente abertas na solución alternativa e CxG seguiu o mesmo camiño entre duras críticas a este espazo de confluencia no que tampouco está xa Anova, un dos seus principais valedores pero que vén de decidir marchar. 

Ourense en Común esgarece tras a marcha de Podemos, CxG, Anova e outros proxectos políticos e sociais

Nunha asemblea celebrada na noite do mércores, e logo dun longo debate, un 57% da militancia da formación nacionalista na cidade votou a favor de lle retirar o apoio á plataforma, mentres que un 20% apostou por continuar e un 23% optou pola abstención. Aqueles que optaron por abandonar o proxecto cren, tal e como aclara o partido nun comunicado, que Ourense en Común "xa non era o lugar de confluencia que pretendía ser no seu inicio e máis despois da retirada do apoio de organizacións como Podemos, Compromiso por Galicia, Iniciativa por Ourense e outros referentes sociais da cidade, así como de numerosas persoas que tiñan colaborado desde o inicio da plataforma".

"Ourense en Común xa non era o lugar de confluencia que pretendía ser no seu inicio; abandonáronse os valores e principios fundacionais"

Así, a maioría da militancia presente decidiu "retirar o apoio que coma organización política se expresa ao proxecto de Ourense en Común", dados os acontecemos das últimas semanas no que, desde o seu punto de vista, "abandonáronse os valores e principios fundacionais da plataforma e deixou de ser o proxecto rupturista que achegue solucións á cidadanía de Ourense".

Agora, Anova de Ourense celebrará unha nova asemblea o vindeiro luns 13 de abril para valorar as alternativas e tomar unha decisión sobre as próximas eleccións municipais. Non se descarta que algunhas das formacións que decidiron abandonar a plataforma se unan para intentar outra candidatura conxunta aos comicios locais. 

Asemblea de Ourense en Común © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.