A crise que afecta UPyD en todo o Estado vén de estoupar tamén en Galicia, onde moitos dos representantes da minoritaria formación no país apostan por abandonar o barco de Rosa Díez e confluír con Ciudadanos. Así o farán varios dos seus 16 candidatos ás municipais, onde esta hipotética unión entre rebotados da formación maxenta e o partido que lidera Albert Rivera podería ameazar as maiorías absoluta do PP nalgún concello, pero son á vez unha posibilidade para que os populares non perdan o poder a través dos pactos na dereita.
Candidatos da Coruña, Ferrol, Narón, Arteixo, Culleredo e Sada abandonan UPyD para integrarse en Ciudadanos
O coordinador de UPyD en Galicia, José Antonio de Lorenzo, xa avanzou en varios medios a súa intención e a de varios dos líderes da formación na comunidade autónoma e esta mesma tarde dará unha rolda de prensa. Desde A Coruña, confirmouse o propósito dos candidatos da cidade, pero tamén dos de Arteixo, Culleredo, Ferrol, Narón e Sada, de abandonar a formación e confluír con Ciudadanos. Non ocorrerá así en Vigo, onde a formación confirmou que "mantén e manterá" a súa candidatura baixo as siglas do partido aínda liderado por Rosa Díez.
Pero non será doado. O prazo para presentar candidaturas remata o vindeiro 20 de abril e moitas das listas están xa pechadas. Dependerá agora da postura que tome Ciudadanos, que terá que decidir entre dar entrada aos desencantados con UPyD ou por continuar en solitario. No fondo, a posibilidade de que esta presumible coalición de dereita consiga unha mínima representación que pode ser clave nalgúns concellos para a formación de gobernos e, tamén, para que o PP manteña a alcaldía. De feito, o presidente da Xunta xa abriu a man a posibles pactos: "Se gañamos as eleccións sen maiorías absolutas abriremos unha reflexión para ver con quen pactamos".
Feijóo di "descoñecer" os "candidatos, programas e listas" de Ciudadanos, pero non rexeita acordos. "Non sei se son os de UPyD en Galicia ou non", asegura, deixando tamén a un lado o teimudo discurso do PPdeG e seu propio nos que se critican as "alianzas entre perdedores" ou o feito de que un partido se presente cun programa "para logo pactar outro con outros socios".
Feijóo xa abriu a man a posibles pactos coa formación de Albert Rivera nos concellos
Ciudadanos, mentres, xa anuncia que agarda presentar 15 candidaturas en Galicia nas vindeiras municipais. Así o confirmou Javier Chouza, delegado territorial, que non quixo confirmar se hai contactos cos seis dirixentes locais de UPyD que xa anunciaron a súa decisión de abandonar esa formación para intentar confluír coa de Albert Rivera a través da plataforma Encuentro, a que reune os militantes que abandonan a Rosa Díez, como tamén ocorreu a nivel autonómico en Asturias ou Aragón.
Ademais de nas sete cidades galegas, Ciudadanos xa presentou propostas de candidaturas para Cee, Negreira, Ames, Ribeira, Boiro, A Lama, Ribadeo e Burela.
HABERÁ AMPLIACIÓN