En tempos de bonanza económica os titulares do Ministerio de Fomento eran uns dos convidados mellor recibidos en épocas preelectorais como a que vive Galicia. Adoitaban traer baixo o brazo promesas de grandes infraestruturas ou, no mellor do caso, as tesoiras preparadas para contar unha banda inangural. En épocas de estreiteces este entusiasmo mingua se ben, como se puido observar na visita da ministra de Fomento, este luns en Compostela, os Gobernos central e galego tentan facer da necesidade, virtude. Ana Pastor trouxo consigo convenios para a rehabilitación de vivendas en 31 concellos, cuxa sinatura escenificou a carón do presidente da Xunta, pero tamén achegou unha caste de promoción da que vén sendo medida estrela do seu departamento nos últimos días, as "medidas de flexibilización e fomento do mercado da vivenda en aluguer" que pasaron polo Consello de Ministros en forma de anteproxecto o pasado venres e que contemplan un procedemento acelerado de desafiuzamento para as persoas que non poidan facer fronte á renda do piso no que viven.
A ministra salienta que a reforma permitirá ter "o dobre de capacidade" para executar desafiuzamentos en vivendas alugadas
Ante o presidente e os alcaldes e só en castelán -concorreu ás eleccións por Pontevedra- Pastor debullou os piares da súa "reforma", moitos dos cales a ministra considera "de sentido común". Nesta liña, expresa a súa satisfacción por que se vaia "mellorar" o procedemento dos desafiuzamentos "para axilizalos". Os inquilinos, lembra, terán só dez días para satisfacer os pagamentos pendentes e senón poñerase en marcha un proceso no que a intervención xudicial é a mínima imprescindible. Ademais, explicou dirixíndose a Feijóo, ao conselleiro de Infraestruturas e ao presidente da Fegamp, para botar fisicamente da casa á persoa debedora "antes dían dous funcionarios" na comisión do Xulgado "e agora vai ir un". "Hai o dobre de capacidade", evidencia.
Segundo Ana Pastor esta "flexibilización do mercado" só ten un obxectivo, "tentar axudar a quen máis o necesita", e nel enmarca tamén o "fortalecemento da liberdade das partes -arrendador e arrendatario-" para que "ninguén se vexa afectado pola excesiva rixidez". Neste sentido, subliña que os propietarios da vivenda terán "potestade para recuperala en calquera momento" avisando o inquilino "con dous meses de antelación". "Antes tiña que aparecer no contrato, agora é un dereito do propietario, é o que di o sentido común", di. Pola banda da persoa que aluga un piso a única vantaxe coa que, a priori, vai contar co anova lei é a posibilidade de "desistir do contato avisando cun mes". É algo "moi importante, máis cando unha persoa pode ter dificultades para pagar", di a ministra, que sitúa a orixe da lei nunha reflexión sobre os "tres millóns de vivendas baleiras" en todo o Estado. "Iso fíxonos pensar no que estaba pasando", asegura.
Cartafoles baleiros para os alcaldes
As consideracións da ministra de Fomentos obre o dereito á "vivenda digna" producíanse mentres en ambas marxes do salón nobre de Raxoi se situaba a trintena de alcaldes e concelleiros -con abrumadora maioría masculina, apenas media decena de mulleres-, seguindo disciplinadamente a formación indicada por responsables de protocolo da Xunta. Ademais da colocación, os servizos protocolarios transmitíronlles tamén con certa discreción aos rexedores "unha advertencia". Un fallo de intendencia provocara que non estivesen dispoñibles todas as fotocopias dos convenios que a ministra e o presidente lles ían entregar. "O orixinal faránllelo chegar dende o ministerio" e para o acto de entrega, explicou unha das encargadas do acto, recibirían "unha carpeta en branco", isto é, baleira. A advertencia tiña unha razón de ser: "polos medios, máis que nada".