Julio Flores foi o principal ariete de Carlos Negreira nos seus anos de oposición e, tras lograr a Alcaldía da Coruña en maio de 2011, tornou en tenente de alcalde e voceiro do goberno local. Como representante do sector máis duro do PP coruñés Flores exerceu de látego do resto de grupos da corporación municipal como antes fixera co goberno de PSOE e BNG. Fíxoo no inicio do mandato e seguiuno facendo dende decembro de 2013, cando a xuíza instrutora da Operación Pokémon, Pilar de Lara, o incluíu o seu nome na ducia de persoas imputadas na póla coruñesa da trama, a operación Pikachu. Esa imputación e as sucesivas revelacións do caso incrementaron notablemente a presión política sobre Flores, que teimou en seguir adiante ata que agora, a mes e medio das eleccións, o PP o deixa caer.
As dúbidas en torno á posibilidade de reeditar a maioría absoluta na cidade e o hipotético escenario no que un segundo goberno de Negreira chegase a depender do apoio de Ciudadanos aceleraron, segundo transcendeu nas últimas horas, a caída do poderoso dirixente do PP da Coruña. O seu poder, segundo De Lara, permitiulle xestionar bo número de influencias cos presuntos líderes da trama Pokémon no ámbito da contratación pública e, sobre todo, da contratación de persoal.
Atendendo á investigación do caso, a cuxo contido tivo acceso este diario, eses tratos remóntanse, cando menos, aos "últimos días de maio de 2011", xusto antes da vitoria popular na cidade. Vixilancia Aduaneira atribúe a esa relación fluída que, por exemplo, o delegado de Véndex en Galicia, José María Tutor, chegase a "conseguir para o concurso" para a concesión de servizos nun novo centro cultural da cidade, o centro Ágora, e "abrir un novo prazo de licitación", ao que Véndex ese presentou "coa case total seguridade de que a súa empresa será a que obteña a adxudicación, como finalmente sucedeu".
A investigación da Pokémon, caso no que está imputado, atribúelle a Flores a influencia en "enchufes" e contratos a prol da trama
Alén das presuntas influencias para a concesión de contratos públicos De Lara sitúa a Flores, alcumado Amapolas pola trama, como principal canle de chegada das "propostas de contratación" de persoas, isto é, de "enchufes". "Estes non son o Bloque, a estes sóbralles xente", ilustrou Tutor nunha das conversas intervidas polos investigadores. Como informou este diario a investigación chega a asegurar que Flores manexaba unha "lista para contratar a determinadas persoas" e sinala ademais que "non actuaría illadamente, senón que o farái co posible coñecemento e consentimento dos seus compañeiros de goberno, incluído o propio alcalde, don Carlos Negreira", quen sería consciente de que o consistorio serviu como "axencia de colocación" para máis de 50 'enchufados', manteñen. Segundo o alcalde todos estes datos non son máis ca "conxeturas".
Flores tentou impedir que se certificase o acoso laboral á testemuña protexida da Pokémon
Ademais dos presuntos enchufes e do suposto cobramento de 5.000 euros de mans de Tutor, sempre atribuídos polos axentes e que el sempre negou, as indagacións da Pikachu implican tamén a Julio Flores na presunta "obstrución á xustiza" que a xuíza observa no caso do "acoso laboral" sufrido por un traballador do Concello que denunciou irregularidades vinculadas, precisamente, a adxudicacións a Véndex no Acuario Finisterrae, dependente do goberno local. Foi tamén Flores quen presentou un recurso para tentar impedir que se certificase o acoso laboral a este traballador, quen se converteu na primeira testemuña protexida do caso.
O edil aparece citado tamén na investigación da Operación Zeta
Xunto á Operación Pokémon o tenente de alcalde da Coruña tamén foi erosionado politicamente nos últimos meses pola Operación Zeta, o caso da suposta fraude en cursos de formación na que un xulgado da Coruña investiga, ademais, o financiamento do partido na cidade. Neste caso os informes policiais sitúan a Flores -que non está imputado no caso- como un dos principais contactos que ten no PP o principal imputado, Gerardo Crespo. Nomeadamente, a Unidade de Delicuencia Económica e Fiscal (UDEF) coida que entre o edil e a trama pode haber algún "tipo de acordo ilícito", ademais de atribuírlle "interese" en cambiar a directiva dunha entidade asociativa da cidade.