Debates nas cidades si, pero á maneira do PP

Varios candidatos do PP, xunto a Feijóo na convención municipal © PPdeGalicia

Debates si, pero baixo as súas condicións e cos partidos participantes limitados a aqueles que teñan representación municipal en cada unha das cidades. O PPdeG lanzou o pasado mércores unha proposta conxunta dos alcaldables das sete urbes galegas para a celebración de debates electorais cos candidatos das outras formacións. Foi a través de Twitter e nun formato semellante, aínda que con matices que quedaron en nada.

Mentres uns candidatos populares limitaban esta proposta a debates con candidatos de partidos "dos grupos municipais" ou "con representación no pleno", outros, como José Manuel Rey Varela, de Ferrol, ou Agustín Hernández, de Compostela, non excluían ningún rival ou aclaraban que a súa era unha convocatoria "aberta a todos". Pero fontes do PPdeG deixaban claro a Praza que a iniciativa non era para nada persoal de cada líder local, senón unha estratexia conxunta limitada "aos partidos con representación municipal". Argumentan que sería complicado establecer un límite de participantes e que sen un criterio "poderían incluírse tamén formacións como a Falange ou os antitaurinos".

O PP aclara que a proposta de debates é unha estratexia conxunta limitada aos partidos con representación, algo que Feijóo avalou xa

A estratexia é clara e o propio Feijóo avalouna este xoves. Con esta proposta, quedarían fóra non só formacións emerxentes como Ciudadanos, que botou atrás as súas candidaturas en Ferrol e A Coruña pero que a mantén noutras cidades, pero sobre das diferentes mareas e plataformas cidadás, moitas delas cunha importante expectativa electoral, como no caso de Compostela Aberta en Santiago ou da Marea Atlántica coruñesa. PSOE e BNG coinciden en reclamar debates que recollan "todas as sensibilidades, teñan representación ou non" e mesmo candidatos populares como Agustín Hernández e o lucense Jaime Castiñeira semellan dispostos a non ventar a ninguén. Pero o presidente da Xunta teno claro.

Segundo di, hai candidatos das cidades que "aínda non se coñecen" e alianzas "que se forman unha semana e se desfán na seguinte". Por iso, mantén o seu "criterio incontestable" de que sexan só as formacións con representación munnicipal as que participen nos debates. "Sería difícil atopar local para que todos estivesen representados, porque podería haber dez ou quince listas, líderes e programas e non sei se iso será moi útil para os cidadáns", insistiu.

Feijóo propuxo que o PP debatese cun único representante da "coalición oculta" que "quere que o PP non goberne mesmo gañando"

Ademais, Feijóo criticou que todos os partidos agás o seu "pretenden que o PP non goberne aínda gañando as eleccións", polo que vería "lóxico" mesmo que os candidatos populares debatesen cun único representante "desa coalición oculta". O presidente da Xunta obvia a Ciudadanos e tamén a plataformas como a Marea Atlántica, que é apoiada por ata seis partidos e na que un deles, EU, conta con representación municipal e xa delegou a súa participación no debate a través do candidato de confluencia.

O Colexio de Xornalistas propuxo organizar os debates, pero o PP de Lugo ou da Coruña van da man de asociacións de prensa locais

Ao tempo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) ofreceuse a todas as formacións políticas para organizar os debates baixo criterios xornalísticos e sen condicionantes. Algúns dos candidatos do PP xa amosaran a súa disposición a participar neles e nalgunha localidade mesmo os populares mostraran a súa receptividade ao CPXG hai xa varias semanas, antes mesmo de que o partido lanzase a proposta conxunta en todas as urbes. Pero as condicións agora cambiaron. Ao tempo, asociacións de prensa locais, como a da Coruña, apuraron a facer a súa propia proposición para "organizar, coordinar e moderar" o debate proposto polo PP e que limitaba os participantes. En Lugo, o candidato popular Jaime Castiñeira tamén propuxo que fose a asociación da prensa local a que organizase o cara a cara.

Feijóo, cos seus candidatos e candidata CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.