Correos do 'número dous' de Negreira implican a Jesús Vázquez nun enchufe na Coruña

Negreira e Vázquez, nun acto público © Xunta

"Estou moi estrañado de que apareza o meu nome nesa lista". O ex conselleiro de Educación e candidato do PP á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, respondía deste xeito o pasado xoves ao ser cuestionado polos medios ao respecto do auto no que a xuíza Pilar de Lara, instrutora da Operación Pokémon, o inclúe na investigación da presunta trama de enchufes do Concello da Coruña. Ademais desa estrañeza Vázquez subliña especialmente que nunca tivo relación ningunha co grupo Véndex, empresa situada na cerna da investigación, nin coa corentena de persoas investigadas. Documentación incluída no sumario amosa que a causa de que Vázquez sexa investigado cómpre buscala nos correos electrónicos intervidos ao tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores, imputado no caso.

Como relatou este diario, De Lara dá por "referendada" a existencia dunha rede de enchufes no consistorio coruñés, xa que o contido das escoitas telefónicas practicadas por Vixilancia Aduaneira se ve certificado polo volcado informático que ordenou facer no Concello, di. Dentro da información recabada pola maxistrada están os correos electrónicos intercambiados polo ex conselleiro co tenente de alcalde, os cales foron incluídos nun informe a cuxo contido tivo acceso a este diario, e no que se amosa que Vázquez intermediou, supostamente, para que a filla dun afín ao PP fose contratada por unha concesionaria do Concello da Coruña.

"Solo faltaba que entren todos los amigos de ZP y nosotros nos quedemos fuera", dille o remitente a Vázquez

O intercambio de mails comeza a finais de maio de 2012, cando Vázquez recibe un correo co asunto "Ayuda" no que o home que o escribe di: "Hola conselleiro, a ver si cuando tengas un momento me haces un pequeño favor". O remitente indica que "El Ayuntamiento del Coruña (o sea de los nuestros) ha sacado a concurso el salvamento y socorrismo de las playas para el verano, y a ver si puedes hablar con alguien (concejal o quien sea) para que la empresa que obtuvo el concurso (que como todas cogen a los socorristas a dedo) cogan a [Nome da persoa recomendada], que el año pasado ya fue socorrista en Coruña con la empresa de turno". Na súa despedida o contacto de quen daquela era conselleiro deixa claro que, ao seu xuízo, a militancia política debera primar á hora de lograr o posto. "Solo faltaba que entren todos los amigos de ZP y nosotros nos quedemos fuera. Moitas gracias".

O ex conselleiro amósase "estrañado" de figurar no auto da xuíza e subliña que non ten relación ningunha co grupo Véndex

Sempre segundo os correos intervidos o 1 de xuño o conselleiro fíxolle chegar a petición á concelleira do PP da Coruña Carmen Hervada, cuxas funcións están adscritas ao departamento da Alcaldía, isto é, de Carlos Negreira. Hervada, á súa vez, reenvioullo a Julio Flores o día 4. Caso ao mesmo tempo, Vázquez utiliza o seu correo electrónico da Xunta para, co asunto "Petición de un gran favor", poñer máis énfase na solicitude. "Querido Julio, Carmen Hervada te pasó un tema mío. Es un favor que te pido". Dese correo tírase que o solicitante do 'enchufe' pide ese posto para a súa filla: "El padre -indica Vázquez- es muy amigo nuestro y un gran defensor nuestro. El año pasado su hija ya estuvo de socorrista en vuestras playas", sinala.

No seu correo a Flores o agora candidato en Ourense indica que a persoa que solicita a recomendación é un "gran defensor" do PP

Ese mesmo día, o 4 de xuño, Flores dille ao conselleiro que precisa "con urgencia un teléfono de contacto de la chica". Unha semana despois, o día 11, é Jesús Vázquez quen se dirixe de novo ao tenente de alcalde dende o seu correo da Xunta: "Querido Julio no te me olvides del favor que te pedí. Te lo agradecería muchísímo". Un chisco despois Flores escríbelle á súa secretaria: "Como va este tema y los otros?". "Esta tarde van hacer aún una prueba teorica a los mismos de ayer, que son los que no tenían en Fessga [Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia] ninguna referencia ni constancia de titulación... Y después ya nos los comunican", respondeu.

Efectivamente, nesa xornada remataron de celebrarse as probas de selección e o día 12 a FESSGA fixo pública a listaxe de 32 persoas admitidas, entre as que se atopaba a recomendada por mediación do conselleiro. Esta entidade é agora unha das que a xuíza De Lara vén de pedir datos para comprobar oficialmente que xestionan servizos da Administración Pública.

Negreira e Vázquez, nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.