O BNG recárgase para "encher Galiza de Pontevedras"

Canto do himno galego, no encontro do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Unha inxección de optimismo interno antes da pugna electoral. O BNG citouse este sábado en Pontevedra para esconxurar posibles malos augurios e lanzarse á carreira das eleccións municipais cunha dose extra de enerxía interna. A organización frontista en pleno fixo rebordar o salón de actos do Pazo da Cultura pontevedrés para, dende a cidade que o Bloque presenta como modelo da súa xestión no eido local, facerse valer como "alternativa en Galiza a un PP corrupto, antisocial e traidor aos intereses do país", en verbas de Xavier Vence. Os votos ás candidaturas BNG-Asembleas Abertas, afirman, servirán para "encher Galiza de Pontevedras".

Como en eventos anteriores o Bloque fuxiu do formato de mitin clásico para converter este acto, convocado baixo o modelo de "Encontro Nacional Aberto", nun evento político coral cun punto lúdico, ao que axudou a actuación de María Lado e Lucía Aldao, que interpretaron versos de Castelao. "O pobo é quen máis ordena", reiterouse ao longo dun acto inzado de caraveis, de cravos como os da revolución do 25 de abril que o auditorio evocou, tamén a coro, entoando o Grândola, vila morena do Zeca Afonso. 

Polos dous atrís colocados no escenario, ambientado coa renovada liña gráfica do Bloque, pasaron unha ducia de alcaldesas, alcaldes e alcaldables. Co Bloque entra nos concellos a participación da veciñanza, reivindicou a rexedora de Tomiño, Sandra González. Dende o goberno local fala tamén Francisco García, de Allariz, referente municipalista da formación xunto a Pontevedra: "Quen non desexou algunha vez que Allariz fose capital do país?", pregúntase. "Os concellos precisas unha auténtica revolución democrática", di Rubén Cela dende Compostela. "Formar parte do Bloque significa dar a cara contra o espolio dos concellos e do país", asegura Ana Hermida, candidata en Barreiros.

"Nunca prometemos o que non podiamos cumprir nin incumprimos o que prometemos"

Especialmente aplaudida foi a intervención de quen, ademais de como alcalde e candidato actuaba como anfitrión, Miguel Anxo Fernández Lores. Tras década e media como alcalde da "boa vila", historicamente rexida polos conservadores, Lores resume a receita coa que o Bloque puido derrotar alí "o pontevedrés Mariano Rajoy". "Nunca prometemos o que non podiamos cumprir nin incumprimos o que prometemos", asegura. E todo isto, "sen enganar a ninguén": "Nin misas, nin procesións, nin políticas de mesa e mantel, nin ENCE, nin touros: achegámonos á xente o nacionalismo". "Somos nacionalistas e nacionalistas", proclama.

Candidaturas "da cidadanía"

O "aval" de Pontevedra é tamén o que esgrime Vence. Fronte á "desfeita" do PP e dos recortes que "provocan mesmo a exclusión social" o BNG, asegura, amosa que é quen de envocar os concellos "cara á xente". "Os concellos nas mans do BNG son ferramentas de transformación, capaces de dinamizar os sectores produtivos e crear emprego, con modelos urbanísticos referentes dentro e fóra do país", con políticas para a igualdade que dan calidade de vida", sinala.

Vence rende "homenaxe" ás candidatas e candidatos que "plantan cara ás presións e ameazas da rede caciquil do PP"

Todo isto, di, seguirá acontecendo tras o 24-M alí onde gobernen os membros das candidaturas dun "nacionalismo renovado, ampliado e enriquecido polas asembleas abertas celebradas por todo o país". Ese proceso, asegura, permite afirmar que "esas si son as verdadeiras candidaturas da cidadanía", compostas por persoas das que un 30% son menores de 35 anos e que nalgunhas ocasións teñen que botar man da "coraxe política" para presentárense "baixo as siglas BNG-Asembleas Abertas". Nesta liña, Vence rende "homenaxe aos centos de candidatos e candidatas que plantan cara ás presións e ameazas da rede caciquil do PP na Galiza rural e non tan rural, especialmente asfixiante nese Ourense dezmado pola política clientelar de Baltar-Feijóo". Alí ao "ermo demográfico e económico" súmase o "ermo democrático", lamenta.

Con este espírito Vence chama a "aproveitar" as municipais para comezar a "pasar a páxina negra do PP". Os comicios locais, afirma, poden ser un "primeiro chanzo para desaloxalos da Xunta antes de que Feijóo destrúa o pouco que queda en pé" e "empezar a construír unha Galiza con futuro". Se as candidatas e candidatos "traballan arreo" no mes que queda "superaremos as previsións propias e alleas", augura.

Intervención de Xavier Vence CC-BY-NC-SA BNG
Vista xeral do público durante o canto do 'Grândola, vila morena' CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.