Lugo e Vigo, hospitais de campaña (electoral)

Feijóo, nunha visita ás obras do hospital de Vigo © Ana Varela

O 26 de febreiro de 2011 faltaban tres meses para as eleccións municipais e o presidente da Xunta púxose á fronte dunha amplísima comitiva de altos cargos para inaugurar o agardadísimo Hospital Lucus Augusti, "un edificio" cuxa construción pasara polas mans dos gobernos de Fraga e Touriño e que o seu Executivo, destacaba, viña de converter "nun moderno hospital público". Naquela inauguración Alberto Núñez Feijóo expresou o "compromiso" de que os "pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarase a Santiago ou á Coruña poidan ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", o 2011. Catro anos despois o hospital lucense tornou nunha das grandes dores de cabeza do PP, que elixe agora outro hospital, o de Vigo, como referente da campaña municipal.

Se ben é certo que nos meses previos ás eleccións de 2011 o Goberno galego e o PP tamén publicitaron o hospital de Vigo -chegouse a anunciar que ía estar "rematado a finais de 2013"- non o é menos que o protagonismo foi para o de Lugo, unha das prazas electorais que os populares aspiraban a conquistar naquelas eleccións con Jaime Castiñeira á cabeza. Así na carreira electoral de hai catro anos Castiñeira e o PP esgrimiron a apertura do hospital como mostra do "compromiso" da Xunta coa cidade, o "investimento máis grande da historia de Lugo" que amosaba que "a sanidade non debe ser política", e tería que estar "á marxe da demagoxia".

No proceso electoral de 2015 tamén se fala do hospital lucense, pero quen máis o fai é a plataforma cidadá que vén reclamando dende hai máis de dous anos a apertura do servizo de hemodinámica 24 horas -funciona dende 2014 e só en horario de oficina- e mais a posta en marcha da radioterapia e da medicina nuclear. Como anunciara, esta plataforma intensificou as súas protestas nas últimas semanas a través dunha campaña específica, #quenoncheroubenocorazón, que xa foi apoiada explicitamente por forzas políticas como PSdeG, BNG ou Lugonovo e que culminará tres días antes das eleccións cunha manifestación.

Catro anos despois o hospital de Lugo tornou nunha das grandes dores de cabeza do PP

Neste contexto os populares tentan frear o desgaste que o conflito do hospital lles produce na cidade da Muralla con anuncios reiterados a respecto do concurso público que desembocará na instalación da radioterapia cun mínimo de catro anos de atraso. No entanto, e tendo en conta que boa parte do potencial efecto político desa publicidade foi anulado por declaracións da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que mesmo incomodaron ao propio PP lucense, a baza sanitaria dos de Feijóo para o 24-M pasa ser o futuro Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que Mosquera visitou no último día no que as inauguracións eran legais.

Remate das obras

O PP vigués apela a "felicitar á Xunta" polo "histórico" remate das obras do hospital vigués, erguido co sistema público-privado

Tras anos de críticas polo modelo de construción público-privado elixido pola Xunta para esta infraestrutura -que levou o Goberno a publicitar reiteradamente que se trata dun "hospital público"- e as súas repercusións políticas, económicas e sociais, Goberno e PP poñen o acento nestes días no remate da fase construtiva do edificio. Así, por exemplo, Feijóo aproveitaba este domingo a presentación do programa marco do seu partido para proclamar que "dende o día de onte os veciños de Vigo e a súa área metropolitana teñen un novo hospital público, porque rematouse a construción e a empresa construtora entregou a obra a quen sempre dixemos que sería o seu propietario: a administración públca, é dicir, os cidadáns", di, obviando que o Sergas terá que pagar un canon anual por utilizalo.

"Dende xa ponse en marcha o proceso de traslado para que se poida prestar un mellor servizo público aos vigueses, polo que só hai un partido que acadou trasladar esta promesa do seu programa á realidade: o PP", insistiu o presidente mentres o propio Sergas calcula que, no mellor dos casos, o traslado efectivo non comezará ata, cando menos, dentro de tres meses. Xunto a estas verbas do presidente a súa candidata na cidade, Elena Muñoz, chama a "felicitar á Xunta" neste momento "histórico" que chegou, asegura, malia ao "boicot inexplicable do goberno socialista" de Abel Caballero.

Feijóo e Castiñeira, na inauguración do HULA en 2011 © PP Lugo
Elena Muñoz, candidata do PP en Vigo, ante as obras do hospital © PP Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.