Interior prohibe que deputadas do PSdeG visiten cárceres galegos

Resposta do Ministerio do Interior á solicitude de visita aos cárceres CC-BY-SA Praza Pública

Unha Cámara lexislativa de segunda. O pasado 13 de abril as deputadas do PSdeG Carmen Acuña, Carmen Gallego e María Quintas solicitaban formalmente ante as comisións institucional e de Sanidade do Parlamento de Galicia que unha delegación destes órganos parlamentarios visitase "cada un dos centros penitenciarios" de Galicia para coñecer e "dar resposta a diversas preocupacións recibidas" sobre o seu estado e o tratamento da poboación reclusa. Tratábase de estender ao resto de grupos e a todas as prisións a iniciativa que tomaran un mes antes dúas integrantes do grupo socialista, a propia Acuña e mais Patricia Vilán, que pediran poder visitar os cárceres de Teixeiro e A Lama para "coñecer directamente as queixas" sobre as mesmas. O Ministerio do Interior impediuno.

Como corresponde, Acuña e Docampo formularon por escrito o 12 de marzo a súa solitude ante a Delegación do Goberno central en Galicia, cuxo responsable, Santiago Villanueva, a trasladou á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, dependente do Ministerio do Interior. O 7 de abril a subdirectora xeral de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial deste departamento, Mercedes Belaustegui, respondeu ao escrito das parlamentarias que, admite, lle trasladaron o seu propósito de "coñecer a situación que se vive nos cárceres" galegos "e coñecer directamente as queixas dos internos". Para negarlles o acceso.

"Lamentamos comunicarlle que non se autoriza dita solicitude", di Belaustegui, porque "a actividade penitenciaria" é competencia do Estado e, ademais, "se realiza con pleno sometemento ás leis e ao ordenamento xurídico e en aberta colaboración coas diversas autoridades xudiciais, espceialmente cos xulgados de vixilancia penitenciaria" e a Fiscalía, "ao igual que co Defensor del Pueblo". Asemade, indica a alto cargo do departamento que dirixe Jorge Fernández Díaz, "os centros son visitados por deputados e senadores nacionais cando así o solicitan", negándolle pola vía dos feitos esta posibilidade a membros de parlamentos autonómicos.

O Goberno central argumenta que nos cárceres se cumpre a lei e que poden ser visitados por membros das Cortes Xerais

A resposta de Interior provocou "sorpresa e preocupación" nas deputadas solicitantes que, en verbas de Acuña, sospeitan que o Goberno de España tenta "agochar a situación real dos cárceres galegos" mediante este veto. O departamento estatal, evidencia, "alega que esta visita está restrinxida a deputados e senadores", o que dá lugar a "unha fonda preocupación". "Non vaia ser que dende o Goberno queiran agochar a verdadeira situación" das prisións, di a deputada, que indica que parte do seu interese en visitar os cárceres está ligado á posible "repercursión dos recortes orzamentarios nas condicións de vida dos reclusos".

"Non vaia ser que dende o Goberno queiran agochar a verdadeira situación das prisións", di Carmen Acuña

A "desconfianza" que as levou a pedir a visita, indica, "aumenta tras coñecer o impedimento do Goberno a cumprir coa nosa obriga de informarnos para responder acaídamente diante das denuncias e reclamacións que nos traslada a cidadanía", neste caso, a poboación reclusa. Amósase ademais "sorprendida" pola "decisión inxustificable de establecer unha fronteira interna entre os centros penitenciarios situados en chan galego" ao "impedirse a visita dos lexítimos representantes das galegas e galegos". Neste escenario, Acuña reitera a súa proposta de que unha delegación de todos os partidos do Parlamento de Galicia poida acceder aos cárceres e, ao tempo, solicita que as Mesas das comisións implicadas se posicionen "fronte a esta reposta intolerable do Ministerio do Interior.

Inmediacións do cárcere de Teixeiro © IES Monte Castelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.