A mentira cotiá: dos 45 días de Feijóo aos 30 anos de Beiras

Feijóo, este xoves tras o Consello da Xunta © Conchi Paz

"Vostede comprometeuse a acabar co paro en 45 días". "Vostede ía arranxar o paro en 45 días". "Vostede prometeu resolver a crise en 45 días". As mencións a esta suposta promesa do presidente da Xunta son innumerables no Diario de Sesións do Parlamento, roldas de prensa e mitins políticos. É, posiblemente, unha das ideas da oposición política galega que máis conseguiu callar entre a cidadanía dende 2009, cando Alberto Núñez Feijóo accedeu á Presidencia da Xunta. Pero non por isto é certo. Máis ben é unha das mentiras cotiás que, como noutras latitudes, se manexan no debate político galego como se fosen verdades.

"O Feijóo que remataría co paro en 45 días di agora que Rajoy acabará coa crise financeira", lamentaba unha deputada da oposición nos primeiros compases da pasada lexislatura. "Como é posible que dixese que en 45 días arreglaba o problema do paro?", preguntoulle outro deputado ao presidente nunha sesión de control. Posible ou non, o certo é que Feijóo nunca chegou a formular tal promesa, con independencia de que chegase a ser publicada entre comiñas unha suposta afirmación de que ía "acabar coa crise e o paro en 45 días" e máis alá de que moitos medios, o que acolle estas liñas incluído, se referisen a ela como certa nalgunha ocasión.

A base real desa lenda urbana, política ou xornalística foi un anuncio formulado polo candidato Feijóo cando aspiraba, como aconteceu, a desbancar o bipartito. Tratábase de presentar neses 45 días un "plan de austeridade" ou "plan de choque" para loitar contra a crise e o desemprego que, segundo o líder popular, eran en boa medida responsabilidade de PSdeG e BNG. Aquel plan foi aprobado e publicitadísimo e os seus resultados, discretos á luz das cifras. Pero a atacada promesa nunca existiu.

A promesa de acabar co paro en 45 días foi duramente atacada, pero Feijóo nunca a formulou

Que a oposición atacase a Feijóo en incontables ocasións foi reprochado con dureza polo presidente e pola súa contorna. No entanto, o xefe do Executivo manexa dende hai tempo outra destas mentiras cotiás, no seu caso con Xosé Manuel Beiras no albo. A primeira vez que a lanzou foi en maio de 2013, despois do durísimo debate derivado da comparecencia do presidente polas súas fotos con Marcial Dorado, no que o voceiro de AGE o increpou e petou no taboleiro do seu escano.

Poucos días despois Feijóo foi preguntado pola prensa a respecto do incidente e o líder do PPdeG retrucou sinalando que é "evidente" que Beiras, "un deputado que leva 30 anos cobrando do Parlamento, podería ter algunha idea mellor que un puñetazo, pero polo que se ve, despois de 30 anos na Cámara, esta é a súa mellor idea para solucionar a crise", sinalou. Feijóo reiterou ese argumento durante semanas e recuperouno este xoves cunha lixeira variación.

Feijóo asegurou en 2013 que Beiras "leva 30 anos cobrando do Parlamento" e este xoves, que o fai dende hai "vinte anos", pero ambas afirmacións son incertas

Despois doutro debate tenso no que o veterano nacionalista increpou os populares, o suscitado polo propio grupo conservador en torno a Venezuela, ao presidente preguntóuselle se, como o seu voceiro, Miguel Tellado, cre que o mellor que pode facer Beiras e "marchar e non volver da Cámara". "A efectos prácticos ese deputado non está no Parlamento -respondeu-; simplemente vén alí para tentar cobrar unha nómina, que a cobra". "Vinte anos cobrando a nómina, non hai récord coma este" de "alguén que cobre máis e traballe menos, non hai ninguén neste sentido", insistiu, para despois censurar a "falta de respecto ao Parlamento", na que, acusa, incorre reiteradamente o líder de Alternativa.

Como no caso dos 45 días e o paro, esta acusación tampouco se corresponde coa realidade. Xosé Manuel Beiras tomou posesión por primeira vez como deputado en 1985, hai trinta anos, e estivo na Cámara como líder do BNG ata as eleccións de 2005. Foron dúas décadas nas que exerceu como catedrático da Universidade de Santiago con dedicación exclusiva -cobrando, polo tanto, por ese traballo- agás "entre 1999 e 2002", como el mesmo detallou, cando si tivo soldo parlamentario. Volveuno ter dende outubro de 2012, hai menos de tres anos, cando saíu elixido deputado por AGE. Son, polo tanto e como moito, sete anos. Nin vinte, nin trinta.

Feijóo, este xoves tras o Consello da Xunta © Conchi Paz
Xosé Manuel Beiras CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.