Feijóo volve pór en dúbida a lei electoral tras cargar contra as mareas e o nacionalismo

Mitin do PP no pavillón de Riazor © PP

Feijóo cargou contra a actual lei electoral e lanzouse contra Podemos e o nacionalismo pedindo "maiorías amplas" e "unidade" de cara ás vindeiras eleccións locais. Nun acto ante máis de 4.000 persoas na Coruña -uns 90 autocares procedentes de todas as comarcas da provincia rodearon o complexo deportivo de Riazor-, o presidente da Xunta volveu censurar os pactos e lanzar a idea de que goberne a lista máis votada para evitar que a perda das maiorías absolutas evite o goberno do PP. 

Feijóo pon en dúbida a lei electoral e di que "calquera alternativa á maioría ampla" é "contraria a un sistema democrático sólido"

"Se a lei dixese que o alcalde o elixen os veciños, o rexedor sería Negreira [en referencia ao candidato na Coruña], pero resulta que a lei di que o elixen os concelleiros", chegou a dicir Feijóo, que ao tempo que poñía en dúbida a normativa, censurou a aqueles que "poñen en cuestión" o réxime do 78 e a transición e aos "consideran que a democracia consiste en gobernar perdendo". "Calquera alternativa á maioría ampla é depender da minoría, que é contrario a un sistema democrático sólido", insistiu o xefe do Executivo galego, que apoiou os 93 aspirantes dos concellos da provincia da Coruña. 

As alusións a "maiorías amplas", á "unidade" e á "estabilidade" foron as máis repetidas do seu discurso -ao igual que no de Negreira ou no do presidente da Deputación, Diego Calvo-, xunto ao "voto útil" que suporía elixir o PP. "A minoría só defende os intereses minoritarios", asegurou tras criticar "os bipartitos", tanto o da Xunta como os que se deron en moitas Por iso, chamou a evitar que goberne "Podemos ou como coño se chame en cada sitio", ao tempo que identificaba as mareas co nacionalismo e acusaba a ambos de intentar permitir "que goberne o PSOE". 

Feijóo pide evitar que goberne "Podemos ou como 'coño' se chame en cada sitio" ao tempo que identificaba as mareas co nacionalismo

"Serían os partidos nacionalistas os que decidirían o que hai que facer para todos, porque tamén son nacionalistas os que se agochan detrás das mareas. Que quede claro que son o mesmo", asegurou, tras advertir da "ameaza" de que volvan os socialistas e o "mal pasado do bipartito" e logo de presumir do "avance dos últimos catro anos co PP" tanto nas vilas e cidades como en Galicia. 

Ademais, Diego Calvo, presidente da Deputación, ao igual que fixo Feijóo, pediu "non volver atrás" e reclamou "estabilidade" non votando a aqueles "que non queren pagar a débeda ou cambian de nome para enganar os veciños". Carlos Negreira, alcalde da Coruña e aspirante a recuncar no cargo, solicitou tamén o voto para evitar "xaulas de grilos" e advertiu dos "mareantes que queren volver a 1931". 

Negreira, xunto co resto dos 93 candidatos populares, foi presentado ante un auditorio ateigado e entregado e de elevada media de idade. Chegaron de todas as comarcas da provincia nuns 90 autocares para un acto breve que rematou sobre a unha do mediodía. "Boa hora para tomar o polbo", sentenciou unha das asistentes mentres buscaba a saída. 

Feijóo e Negreira nun mitin na Coruña © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.