Feijóo axita o medo a Venezuela na vila na que o PP é investigado por carretaxe

Feijóo, durante o mitin en Amoeiro CC-BY-SA PPdeG

A pasada semana, ás portas do inicio da campaña electoral, saían á luz as testemuñas de varios anciáns e da responsable dunha residencia de maiores en Amoeiro (Ourense). A través de dúas gravacións en vídeo estas persoas aseguraban que responsables do PP local exerceran presións para manipular o seu voto e, en última instancia, carrexalo. Os vídeos formaban parte dunha denuncia do PSdeG ante a Xunta Electoral, que poucos días despois iniciou un expediente sobre o asunto mentres os populares ourensáns anunciaban dúas querelas criminais por inxurias e calumnias. Con este pano de fondo Alberto Núñez Feijóo acudiu este martes para pedir o voto precisamente en Amoeiro e, dende alí, volver axitar o medo do apoio ao Goberno de Venezuela.

Tras promover no Parlamento de Galicia unha condena contra o Goberno de Venezuela e unha semana despois de vincular a AGE coa Unión Soviética e a "Alemaña do Leste" o presidente da Xunta acudiu a Amoeiro para reivindicar o seu partido como única vía posible para a "confianza" despois dos comicios do 24-M. "Na política -di o presidente da Xunta- a confianza é básica, se ti confías nun político, se confías nun equipo, a ese equipo lle dás a túa confianza", evidencia. Neste marco é onde lle preguntou aos asistentes ao seu mitin de Amoeiro -onde goberna o PSdeG cun só edil máis que o PP- se "confían" ou non no resto de forzas políticas.

"Aquí se cre que os servizos públicos hai que confialos a partidos que din que o réxime venezolano é moi respectable?", preguntou Feijóo no mitin de Amoeiro

"Vós confiades nas políticas económicas do PSOE?", preguntou. "Confiades en que aqueles que destruíron tres millóns e medio de postos de traballo agora son a solución para crear emprego?". Do mesmo xeito, tamén testea a confianza no que denomina "partidos franquicia", isto é, Podemos e as diversas plataformas municipais. "Aquí se cre que os servizos públicos, por exemplo, a sanidade, hai que confialos en partidos que din que o réxime venezolano é un réxime moi respectable que hai que manter e que en ningún caso nos podemos opoñer á falta de liberdades que hai en Caracas e en Venezuela?", preguntou á concorrencia.

"Vou para Ribadavia", respondeu Feijóo ao ser cuestionado pola prensa sobre o presunto carrexo

Feijóo obviou no seu discurso a cuestión do carrexo pero quen non o fixeron foron os seus compañeiros de mitin, Manuel Baltar e o candidato local, José Sampayo. Segundo o aspirante a recuncar como presidente da Deputación ourensá o PSdeG debería exercer "máis xestión" e non dedicarse só aos "titulares ficticios". Sampayo, pola súa banda, instou os socialistas, aos que aspira a desbancar, a "deixar de montar tramas que non existen".

Dadas as circunstancias Feijóo aínda tivo unha oportunidade máis para referirse á presunta presión aos votantes. Ao rematar o mitin, segundo informa La Voz de Galicia, un xornalista deste diario preguntoulle ao respecto. "Vou para Ribadavia", respondeu o xefe de filas do PP en Galicia. "Feijóo vén a Amoeiro a arroupar o baltarismo en momentos de debacle polas prácticas ilegais da súa candidatura", lamentou o PSdeG local a través das redes sociais.

Feijóo, con Baltar no mitin posterior celebrado en Ribadavia © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.