O deputado de AGE e candidato de EU-SON en Vilagarcía de Arousa Juan Fajardo está tristemente afeito a recibir ameazas en campaña electoral. Sucedeu en 2007, de novo en 2011, e outravolta estes días. Unha persoa da súa familia foi obxecto de pintadas intimidantes no seu vehículo e na porta da súa vivenda, onde alguén escribiu "mierda comunista". Ante o sucedido, Fajardo presentou dúas denuncias e destaca que "Máis que molestarme a propia agresión fascista, molestoume a actitude da Policía".
Sinala que "neste país métese a xente na cadea -ou vaise ás súas casas a detelos- por facer comentarios políticos en twitter, ou hai decenas de sindicalistas no cárcere por defender o dereito á folga, pero cando a ultradereita fai estas cousas resulta que che poñen todas as dificultades posibles á hora de facer a denuncia". "Pídenche por exemplo que non denuncies os feitos como un delito contra a liberdade de expresión e a liberdade política, senón simplemente como unha cuestión de danos materiais", comenta, "pero esta non é unha cuestión de danos materiais, é unha cuestión de odio político e de buscar amedrentar a unha determinada posición ideolóxica".
Explica que a pesar de ter sufrido nos últimos anos varios episodios semellantes e de que mesmo hai dous anos alguén debuxase unha diana na sede de Esquerda Unida na localidade, non cre que en Vilagarcía a crispación política sexa maior que noutras cidades. Porén, si que denuncia que nos últimos anos "o actual alcalde deu un paso á dereita e enturbiou a vida política, non respectando a pluralidade existente en Vilagarcía".
"Prefería que mo fixesen a min e non aos meus familiares", di Fajardo, que destaca que "por suposto" isto "non nos vai amedrentar". "Seguimos adiante, sen medo. Estas cousas ademais, fannos ver que imos polo bo camiño", conclúe.