A campaña municipal galega paraba onte en Pontevedra. Na cidade gobernada polo BNG dende 1999, onde a formación nacionalista aspira a colleitar un dos seus mellores resultados o 24-M, mesmo bordeando a maioría absoluta, o alcalde e candidato á reelección protagonizaba o seu mitin central xunto a Xavier Vence. O Bloque citouse no auditorio Abanca, o de máis aforo da cidade, e encheu sen problemas as súas máis de 800 butacas. Alí Lores e Vence reivindicaron o seu modelo urbano "100% BNG" fronte aos que o rexedor define ironicamente como "tristes". Dende o Teatro Principal, cuns 300 asentos menos, Mariano Rajoy espetoulle que non está á "altura" da "súa" cidade.
Para o BNG o acto deste venres na "cidade do Lérez, a cidade do Lóres", era unha das datas máis destacadas da campaña. "O que se fai en Pontevedra non é unha excepción, é a guía do que queremos facer en todos os concellos do país, un modelo que implantamos alí onde gobernamos", reivindicou o portavoz nacional. Aínda que "algúns se empeñen en negar os logros" do goberno local, non hai máis que ver a "remuda completa" do seu trazado urbano e a "sintonía de Lores coa xente". "Outros déixanse caer en campaña, porque só ven Galiza unha despensa de votos", dixo en referencia a Rajoy.
Os competidores do pulso mitineiro da noite tamén tiveron mención retranqueira na intervención do alcalde e candidato. "Aínda ando co sono cambiado, acabo de chegar de Nova York, de recoller un grande premio ao modelo de Pontevedra", sinalou ao inicio do discurso. "Recollino moi orgullos en nome de toda Pontevedra, claro que si", subliñou, aínda que "a algúns non lles gustou a viaxe" igual que "tampouco a banda deseñada de Kiko da Silva", na que o BNG torna a Lores no resistente galo 'Lórix'. "Que mágoa, son uns tristes, uns amargados", dixo entre aplausos.
Lores lamenta que outras forzas formulen "ocorrencias fracasadas de hai 60 anos" para a cidade
O único "acordo co modelo de cidade" que Lores percibe en "toditos cantos son" é para "derruílo, volvelo atrás". "Cando din que se debe acabar coa 'política de aceras', a que se están referindo? A derruír o modelo!", asegura. A mágoa, indica, é que "non entenden nada" dun "pioneiro modelo de calidade urbana e rural". "Pero contra vento e maré seguiremos avanzando" mentres outras formacións, asegura, propoñen "ocorrencias fracasadas de hai 60 anos, como ir a unha cidade industrial, ou de hai 30, como pór a dar voltas autobuses baleiros asustando a grandes e pequenos". "Que pobreza de ideas, Pontevedra non merece isto, que lean o programa do BNG!", convidou.
Vence: "O PP non fixo nada por Pontevedra agás enredar, como fan agora con ENCE"
Mentres Lores ofrece manter o modelo de cidade, di Vence, Feijóo e Rajoy "soltarán a milonga da recuperación económica e cantarán as excelencias da súa política de recortes" para "a xente do común". "E para pechar a súa oferta electoral dirán que Pontevedra non pode prescindir de ENCE". Os populares, di, "non fixeron nada por Pontevedra, agás enredar, como volven facer agora con ENCE". "Parece -ironiza- que lles interesa a pasta".
Feijóo critica que Lores recolla un premio en Nova York se o BNG é "anticapitalista"
Case ao tempo que o mitin do Bloque se desenvolvía nun clima a medio camiño entre a reivindicación e a festa Rajoy aseguraba que a "súa cidade" teno "todo menos un alcalde á súa altura". "O mellor para esta cidade é Jacobo Moreira", mantén o líder da dereita. Feijóo, pola súa banda, criticou que Lores goberne a cidade dende hai "20 anos" -faino dende 1999- e proclamou que Pontevedra "non é unha aldea gala", como di a banda deseñada do BNG, senón "unha cidade con dereito a regras democráticas" que, di, non se cumpren porque non está vixente a súa desexada regra de que goberne obrigatoriamente a lista máis votada. O presidente da Xunta censura ademais que o alcalde pontevedrés acuda a Nova York a recibir galardóns para a cidade malia ser o BNG unha forza "anticapitalista".