Todos estes concellos poden ser Venezuela (segundo Feijóo)

Feijóo, durante o mitin de Sarria CC-BY-SA PPdeG

En Venezuela chove apenas un terzo dos días do ano e, na maior parte do seu territorio, a temperatura media anual non baixa dos 20 graos. A poboación da súa capital supera os 3 millóns de persoas e a práctica totalidade da súa costa está bañada polo mar Caribe. Alí as taxas de fecundidade son das maiores do mundo e a idade media da poboación non chega aos 30 anos. As condicións xeográficas, demográficas e, sobre todo, xeopolíticas de Venezuela pouco ou nada teñen que ver coas de Galicia en xeral e, menos aínda, coas de calquera concello galego. No entanto, nestes días multiplícanse as advertencias de que varios municipios do país, máis dunha ducia, poden mutar en Venezuela tras o 24-M. Quen lanza esta advertencia é Alberto Núñez Feijóo.

Na súa frenética axenda de campaña o presidente da Xunta e do PPdeG percorre multitude de concellos cada día. En moitos deles, especialmente naqueles que están gobernados por formacións distintas do PP ou nos que o seu partido ten risco de perder o poder, Venezuela está ben presente. Segundo as alocucións lanzadas polo presidente en cada un destes mitins hai, cando menos, catorce concellos de Galicia con risco alto de pasar a ser Venezuela ou, no seu defecto, Grecia.

Segundo as verbas de Feijóo este risco paira especialmente sobre diversos concellos da provincia de Lugo, onde o xefe de filas dos populares se emprega especialmente a fondo para tentar recuperar a Deputación. Meira, Pol, Mondoñedo, Guitiriz ou Ribadeo, advirte, corren o risco de caeren baixo o influxo das políticas bolivarianas. O mesmo sucede en Sarria, a vila que viviu un convulso mandato municipal por mor das obras de encanamento do río e onde este luns acudiu Feijóo para apoiar o candidato conservador á reelección, José Antonio López.

O líder do PPdeG xa lanzou esta advertencia en máis dunha ducia de concellos

"Se queredes un partido que ten unha ideoloxía como os grandes países de Europa, Alemaña ou o Reino Unido e non queredes partidos que teñen ideoloxías do século pasado" cómpre votarlle ao PP, convidou. Do mesmo, advertiu, "se queredes que Sarria siga sendo Sarria, un pobo da provincia de Lugo e un pobo galego, e non queredes que Sarria se converta nun pobo de Venezuela ou non pobo de Grecia", a única garantía de que isto non suceda é manter o bastón de mando en mans dos populares, que representan a "maioría moderada, galeguista e centrada".

Feijóo pide o voto para o PP "se queredes que Sarria siga sendo un pobo da provincia de Lugo e non un pobo de Venezuela"

Arteixo, Sada, Tomiño, Tui ou Padrón tamén foron escenarios dunhas advertencias que, asemade, o titular da Xunta emitiu tamén en dous dos concellos nos que o seu partido está a ser investigado polas respectivas Xuntas Electorais por mor da presunta carretaxe de votos: Amoeiro e Riotorto. No caso da vila ourensá Feijóo resaltou de que "os servizos públicos, sanidade e educación" non poden ser "confiados a partidos que din que o réxime venezolano é moi respectable" e que non condenan a "falta de liberdades que hai en Caracas". Na localidade da montaña lucense Venezuela serviu para retrucar, precisamente, ás acusacións de manipulación do voto de anciáns "con demencia" que agora investiga a Garda Civil.

Feijóo diríxese aos seus simpatizantes en Sarria CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.