Non é unha novidade, senón un clásico electoral. A proximidade de eleccións, sobre todo se estas traen consigo a posibilidade dun cambio político, agudiza o enxeño dalgunhas formacións políticas para axitar o voto do medo, advertencias que se mesturan coas peticións de voto e que, as máis das veces, teñen pouco ou nada que ver coa realidade. Esta técnica, tan vella como o propio procedemento electoral, ten en Galicia algúns fitos senlleiros aos que nos últimos días se está a engadir a teimosía de Alberto Núñez Feijóo por ameazar varias veces ao día coa posibilidade de que múltiples concellos do país acaben converténdose en "pequenas Venezuelas" se despois do 24-M acceden aos seus gobernos distintas forzas da esquerda. Pero antes houbo outros.
Aínda que sería posible realizar unha antoloxía do medo electoral dende os comezos da andaina autonómica un posible inicio do percorrido polos terrores máis recentes é o comezo da década pasada, cando o derradeiro e atribulado goberno de Manuel Fraga vía cada vez máis próxima a posibilidade de que unha coalición de socialistas e nacionalistas puidese ascender ao poder. Nun clima político cada vez máis convulso e con crecentes protestas sociais por conflitos como as vacas tolas, a xestión do Prestige ou a guerra de Irak o daquela presidente da Xunta afrontaba as eleccións municipais de 2003 advertindo de todo un caos se, como despois aconteceu, PSdeG e BNG desbancaban os candidatos populares dalgunhas destacadas alcaldías.
Neste contexto, Fraga advertía de que un goberno do PSdeG equivalía a un goberno dos "comunistas", toda vez que o partido daquela dirixido por Emilio Pérez Touriño dicía que "quere acabar cos burgueses". Maiores eran as advertencias para o BNG, que na altura xa compartía goberno cos socialistas en concellos como Lugo ou Santiago. O Bloque, dicía o titular da Xunta, "quere poñer unha parede en Pedrafita" e se gobernaba en Galicia seguiría o modelo "dalgúns vascos" que "queren co terrorismo mellorar o país".
Na campaña electoral de 2005 Fraga aseguraba que "Unha coalición de PSdeG e BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia"
Algo tan grave como o terrorismo foi outra das ferramentas de campaña do propio PP dous anos máis tarde, cando se impuxeron os ditados da dirección estatal do partido que levaron a Fraga a adiantar as eleccións ao 19 de xuño de 2005. Mentres as enquisas auguraban a perda da maioría absoluta unha asociación de vítimas do terrorismo aseguraba nunha rolda de prensa na Coruña que, se o PP perdía a Xunta, "dentro de pouco teremos aquí a ETA". Pouco despois Fraga era preguntado ao respecto por Iñaki Gabilondo na Cadena SER e ratificaba a ameaza: "Unha coalición PSdeG-BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia", sentenciaba o patrón da dereita.
Panfletos 'anónimos' sobre a incautación de terras
Menos de catro anos despois daquelas advertencias de Fraga o electorado galego foi chamado de novo ás urnas para renovar o Parlamento. As carreira previa ás eleccións autónomicas de 2009 foi unha das máis duras que se lembran. Así, por exemplo, no primeiro día da campaña moitos carteis electorais das forzas que sustentaban o goberno apareceron acompañados por outros que, coas cores corporativas do PSOE, atacaban con dureza a xestión de Touriño e Quintana. Nos días seguintes sucedéronse as filtracións, os anónimos dirixidos aos medios de comunicación, os correos e as noticias falsas e mesmo a difusión dun accidente de tráfico do vicepresidente da Xunta que nunca sucedera.
"O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras", dicía un panfleto atribuído ao PP tres días antes das eleccións galegas de 2009
Cando faltaban tres días para a cita coas urnas en varias localidades da provincia de Ourense difundíronse panfletos que, con ningún logotipo e abondosas faltas gramaticais, alertaban dunha supostas perversas intencións de socialistas e nacionalistas. "¿Queres quedar sen as túas fincas?", preguntaba o encabezamento do escrito, cuxa impresión e difusión foi atribuída ao PP. "Se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas", continuaba o texto. "Se goberna o BNG e o PSOE non podes vender e mercar as túas fincas libremente", agregaba, antes de citar varios artigos da lei do Banco de Terras. "O PSOE e o BNG queren quedarse coas túas terras", "en defensa da liberdade e da propiedade das túas fincas, o 1 de marzo di non ao bipartito", culminaba.
O perigo radical e/ou bolivariano
Nas seguintes convocatorias electorais sucedéronse as vitorias do PP e, se cadra por iso, o partido da dereita afrouxou o discurso do medo, cando menos en Galicia. Así, por exemplo, na campaña autonómica de 2012 tanto Feijóo como Rajoy apenas pasaron das apelacións máis ou menos xenéricas a infundir temor sobre un posible goberno bipartito ou tripartito. "Galicia non está para bromas", dixo Rajoy na praza de touros de Pontevedra, mentres Feijóo axitaba sen excesiva paixón a pantasma da presunta "imposición" do galego.
A chegada de Podemos e as 'mareas' levou os populares a recuperar o discurso do medo
Pero chegou Podemos e todo cambiou. As eleccións europeas supuxeron un duro golpe ao bipartidismo en todo o Estado e en Galicia trouxeron consigo o menor número de votos ao PP dos últimos vinte e cinco anos. Neste contexto, a formación das 'mareas' municipais e a posible formación de gobernos de esquerda tras o 24-M levou os populares a instalarse de novo no discurso do medo, agora asentado nunha suposta chegada aos muncipios de gobernos "radicais", "separatistas" ou "bolivarianos".