O ruxerruxe levaba a circular varios días pola cidade e nas últimas horas foi expresado ante a prensa. "Jesús Vázquez e o Partido Popular xa pactan un posíbel goberno con Democracia Ourensana para despois do 24-M". Quen o afirma é Susana García, candidata do BNG á alcaldía de Ourense, que ademais advirte de que o xermolo dun eventual bipartito para elevar a Jesús Vázquez á alcaldía co apoio da formación local de Gonzalo Jácome responde a intereses espúreos e, nomeadamente a intereses urbanísticos.
"Todo o mundo sabe en Ourense que o PP quere chegar ao Goberno a toda costa para paralizar o PXOM" e, acto seguido, "volver á especulación e ao control de recursos públicos", asegura García. E para facelo, advirte, o ex conselleiro de Educación está disposto a recorrer a "pactos con formacións políticas con nula base democrática" como DO, cuxo candidato "se nomea a si mesmo, ignorando calquera proceso participativo, e di ter un programa oculto".
Dadas as circunstancias, sinala a nacionalista, "semella que ese programa oculto ao que se refire Democracia Ourensana é pór no goberno aos amigos dos construtores e aos que recortan servizos e secan as Burgas". Neste contexto, García mantén que a "única alternativa que pode frear un goberno do PP é o BNG", que xa "o fixo nestes dous últimos mandatos" e para o que reclama "máis forza e representación" como "garantía de que non volva gobernar o PP".
García: "Semella que o seu programa oculto é pór no goberno aos amigos dos construtores e aos que recortan servizos e secan as Burgas"
A acusación da candidata nacionalista foi negada por Vázquez nunha entrevista en Onda Cero e tamén por Jácome, que a cualifica de "calumnia" e "irresponsabilidade democrática". "Isto amosa unha cortedad de miras tremenda de alguén que se postula como alcaldesa", asegura o líder de DO, que nesta campaña pide o voto baixo o lema empregado polo PP nas autonómicas de 2009. Segundoo Jácome "votar BNG e PSOE é o mesmo, mentres que votar Democracia Ourensana é votar independencia" porque "pode pactar con calquera forza se esta respecta as liñas mestras do noso programa". "Gato branco, gato negro, o importante é que cace ratos", ilustra.
"PP e DO negan o pacto, logo conversan ata altas horas da madrugada sobre se vai facer sol ou chuvia?", preguntábase horas despois o BNG Ourensán. Os populares e a formación local, manteñen, protagonizaron "conversas prolongadas na noite ourensá". Ao seu xuízo isto acontece porque planean "regalarlle a cidade ás grandes construtoras e especuladores" se son quen de sumaren a maioría absoluta.