A enquisa da CRTVG dálle A Coruña e Santiago ás mareas e pon o PP ás portas de Lugo e Ourense

Sobre de votación CC-BY-SA Praza Pública

Unha revolución no mapa urbano galego. A enquisa a pé de urna difundida pola CRTVG debuxa un panorama de múltiples cambios nas sete cidades galegas. De confirmárense as cifras difundidas pola canle pública o primeiro gran titular do 24-M en Galicia sería a emerxencia da Marea Atlántica e Compostela Aberta como forzas máis votadas na Coruña e Santiago, mentres que o PP estaría, como se prevía, ás portas de gobernar Ourense e, ademais, tería a posibilidade de facelo tamén en Lugo.

Atendendo ao inquérito a Marea sería a primeira forza do concello coruñés, e o PP de Carlos Negreira non acadaría a maioría absoluta nin pactando con Ciudadanos. A candidatura que encabeza Xulio Ferreiro lograría entre 8 e 10 edís, o mesmo intervalo no que a sondaxe ubica o PP, aínda que con menos sufraxios. O PSdeG caería ata 5 ou 6 concelleiros e o BNG tería 1 ou 2. Ciudadanos, pola súa banda, estrearíase n no Pazo de María Pita con entre 2 e 3 concelleiros.

A Marea Atlántica e Compostela Aberta serían as forzas máis votadas e empatarían co PP en edís

Tamén Compostela Aberta, pola súa banda, sería a forza máis votada. A sondaxe da galega outórgalle entre 8 e 10 edís, os mesmos que o PP, que como no caso coruñés tampouco conseguiría a maioría absoluta nin sumando a súa representación á de Ciudadanos, que tería entre 1 e 2. Os socialistas acadarían un mínimo histórico, entre 3 e 4 concelleiros, e o BNG tería 1 ou 2.

En Lugo, por outra banda, o PP sería a forza máis votada con entre 10-12 concelleiros, pero dependería dun posible pacto con Ciudadanos para poder gobernar. Á formación laranxa o inquérito dálle entre 1-2. Para que o PSdeG e Orozco repetisen na alcaldía tería que darse un pacto cara á esquerda. Segundo a enquisa, o PSOE obtería entre 7-8 concelleiros, o BNG entre 1 e 2, mentres que a plataforma Lugonovo entraría no consistorio con entre 3-4. ACE, espazo liderado por EU, obtería entre ningún e un represenante.

En Lugo e Ferrol o PP sería o máis votado pero caberían coalicións de esquerdas, en Ourense DO tería a chave do goberno

En canto a Ourense, Democracia Ourensana sería a gran sorpresa. A polémica formación medraría en subiría ata entre 6-7 concelleiros. Sería a ocasión de pacto para un PP que quedaría con entre 8 e 10. Pola súa banda, o PSdeG quedaría con entre 6 e 7 representantes, mentres que o BNG obtería 1 ou 2. A plataforma cidadá Ourense en Común entraría con forza no consistorio con entre 2 e 3 edís.

Mentres, en Ferrol, o PP manteríase como forza máis votada pero perdería a maioría absoluta. Os de José Manuel Rey, segundo a CRTVG, estaría entre 10 e 11 edís e cabería a posibilidade dunha coalición de esquerdas encabezada por Ferrol en Común, con entre 5 e 6 edís. Os socialistas terían, neste caso, entre 5 e 6 edís e o BNG, 2 ou 3. Ciudadanos accedería á corporación con 1 ou dous edís e a Marea Ártabra podería ter un concelleiro.

Caballero arrasaría e Lores medra

En Vigo, Abel Caballero sería o gran triunfador. Obtería unha clara maioría absoluta, con entre 14 e 16 concelleiros. Unha vitoria rotunda que sería a primeira maioría absoluta en 20 anos na cidade. O PP quedaría con entre 6 e 7 representantes, mentres que o BNG mantería 1 ou non entraría no Concello. Ciudadanos obtería 1 ou 2 edís, mentres que Marea de Vigo quedaría con entre 3 ou 4.

Por outra banda, en Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores mantería a alcaldía e medraría en edís, aínda que precisaría dun acordo co PSdeG ou a Marea para gobernar. O BNG obtería entre 11 e 13 concelleiros, mentres que o PP obtería entre 8 e 9. O PSdeG quedaría entre 1 e 2, Ciudadanos podería entrar cun representante, mentres que a Marea alcanzaría 1 ou 2 concelleiros no consistorio que o Bloque goberna desde hai máis dunha década.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.