Caballero e Lores consolidan o seu dominio

Abel Caballero, votando este domingo © PSdeG-PSOE

As urbes da provincia de Pontevedra non cambian. En Vigo e Pontevedra os seus rexedores, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores, amplían as súas maiorías, que no caso de Vigo será absoluta. Se en 2011 o PP fóra a forza máis votada, con 13 concelleiros, fronte aos 11 que obtivo o PSdeG-PSOE, que gobernou grazas aos tres edís do BNG, agora os socialistas gozarán dunha ampla maioría absoluta, con 17 dos 27 concelleiros, e máis do 50% dos votos (un 51,75%). 

PP (7) e Marea (3) completan unha corporación da que quedan fóra BNG e C's. A lista de Elena Muñoz perdeu seis concelleiros e máis da metade dos seus votos, ficando no 20,51% do total. A Marea de Vigo entra con forza no pleno, obtendo tres concelleiros e un 11,51%. O Bloque quedou ás portas do cinco por cento, co 4,82%. Ciudadanos, co 3,36%, ficou finalmente moi lonxe.

Semella que Caballero conseguíu convencer a cidadanía viguesa do éxito da súa xestión, da que ao longo da campaña destacou sobre todo o control da débeda municipal e as actuación de humanización e embelecemento. E, pola contra, parece que os moitos conflitos que dende o executivo mantivo con movementos sociais e veciñais, non lle pesaron. De igual xeito, quedou claro que a candidatura de Elena Muñoz, á que Caballero criticou a súa falta de experiencia na política municipal, non conseguíu collerlle o pulso á loita política municipal. 

Na celebración do triunfo, Abel Caballero destacou que “os vigueses votaron Vigo” e cualificou o resultado acadado pola súa candidatura como algo "que non ten precedentes na democracia". Caballero afirmou "ter entendido a mensaxe lanzada pola cidadanía viguesa" no sentido de que "sigamos defendendo esta cidade e farémolo con responsabilidade e con humildade, falando con todos, coma sempre fixemos”. Elena Muñoz valorou o resultado acadado polo PP, que é o peor da formación na cidade en toda a súa historia, como "malo, moi malo". Afirmou que comezará a traballar dende este luns para recuperar a confianza dos cidadáns, facendo unha “oposición seria e contundente”.

Finalmente, a Marea de Vigo sinalou que os tres concelleiros acadados son "un resultado moi bo" pero "non nos gusta a maioría de Abel Caballero". "Imos ser implacables", engadiron.

 

Lores, ás portas da maioría absoluta

En Pontevedra, tamén o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, consolidou o seu goberno, que mantén dende 1999. O BNG sobe un concelleiros e queda con 12, a un da maioría absoluta, aínda que perde votos dende o 2011. O PP, con 7 edís, cae catro concelleiros, e deixa sete mil votos polo camiño. O PSdeG-PSOE mantén os seus tres concelleiros, perdendo dous puntos porcentuais. A Marea de Pontevedra entra con dous edís e un 8,13% dos votos. Tamén Ciudadanos entra na corporación, co 5,71% dos votos e un edil. Outras candidaturas, coma TodosxPontevedra, quedaron moi lonxe.

Miguel Anxo Fernández Lores cualificou o resultado acadado polo BNG como "espectacular" e afirmou o seu desexo de "dar un paso adiante" no seu programa para a cidade, baseado na peatonalización progresiva. Lores afirmou que "se demostra que o PP cumpriu un ciclo" e anunciou que convocará a "todos os portavoces" de cara ao pleno de constitución da nova corporación. Nese momento, engadiu, o BNG decidirán se optan por gobernar en solitario en minoría ou por pactar con outras forzas.

Pola súa banda, o candidato popular, Jacobo Moreira, asumiu "todas as resposabilidades" polo mal resultado do PP, pero afirma que "agora mesmo" non se plantexa a dimisión. Finalmente, a Marea de Pontevedra celebrou o seu éxito e afirmou que estas eleccións son "un primeiro" paso de cara a "asaltar" o Goberno municipal nas eleccións de 2019. "Somos o 15-M, somos a forza emerxente, a voz da esquerda no Concello de Pontevedra", destacou o seu líder, Luís Rei.

Abel Caballero, votando este domingo © PSdeG-PSOE
Miguel Anxo Fernández Lores, nun acto de campaña © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.